O deporte saca a lingua

O deporte saca a lingua

11 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Fundación Racing Club, a Escola de Fútbol do Racing e o Club Natación Ferrol Elinco galeguizarán as súas páxinas web cunha subvención otorgada polo Concello de Ferrol que cubrirá o 75% do custe desta iniciativa. As entidades recibirán entre 660 e 720 euros cos que cumprirán un dos obxectivos do programa de dinamización lingüística no eido deportivo impulsado pola administración local.

O programa de dinamización lingüística no eido do deporte é froito da colaboración habida entre a Administración local e as asociacións, que acordaron nunha mesa de traballo varias liñas a seguir abarcando tres frontes de actuación.
Un deles era avaliar as webs existentes no ámbito do deporte para incentivar e apoiar a posibilidade de crear unha versión en lingua galega, obxectivo que se veu cumprido co outorgamento destas axudas. As outras dúas son potenciar a formación para o uso de ferramentas lingüísticas no ámbito deportivo e a promoción do galego neste eido a través dun acordo público de compromiso coa lingua das diversas entidades.

A liña de subvencións presentada polo goberno municipal ten dúas vertentes: unha delas, correspondente ás axudas para aquelas entidades que tiñan xa unha web coa finalidade de que ofrecesen a versión en galego, e outra para aquelas que, tendo aberta xa a súa web en galego, quixesen actualizalas.

O edil de normalización lingüística, Manuel Santiago, salienta o firme compromiso amosado polas asociacións deportivas coa lingua galega, feito que priorizou a este eido como destinatario das axudas municipais para a normalización lingüística.

Cultura