O desemprego e a cohesión

O desemprego e a cohesión

14 de Febreiro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

A cohesión europea pasa pola criación de emprego, segundo defendeu no Parlamento de Bruxelas a eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego Ana Miranda. A parlamentaria será a relatora dun informe sobre a pesca artesanal, dentro da Comisión de Desenvolvemento Rexional.

O BNG propuxo no Parlamento Europeo en Estrasburgo que os Fondos de Cohesión para o período 2014-2020 inclúan a taxa de desemprego como criterio de distribución destes recursos entre os Estados membros, en particular a taxa de desemprego xuvenil, que acada cifras “inasumibles” tanto en Galiza como no conxunto do Estado español, onde un 48% de mozos menores de 25 anos que queren traballar non poden facelo.

Na súa intervención no Plenario, a eurodeputada nacionalista Ana Miranda argumentou que, a día de hoxe, a cohesión non pasa polas grandes infraestruturas senón que consiste en “crear emprego”, polo que a taxa de paro ten que ser un criterio clave na distribución dos Fondos de Cohesión, onde as pequenas e medianas empresas deben ter un papel “protagonista” como xeradoras do 89% dos empregos nos países da UE.

“Estamos ante a xeración de mozas e de mozos mellor formada de todos os tempos e non podemos decirlles que o único que podemos ofrecerlle é un emprego lixo ou o paro, minijobs ou nada”, argumento Miranda ante o comisario de Desenvolvemento Rexional, Johannes Hahn, que compareceu no Plenario en nome da Comisión Europea como Executivo da UE.

A deputada nacionalista considera preciso que os Estados membros “fagan os esforzos necesarios para que a xente nova entre no mercado laboral con estabilidade e salarios xustos, ao contrario da dirección que propón o Goberno español coa reforma laboral que está a elaborar”, reforma que cualificou de “inaceptable” polo “brutal recorte dos dereitos das traballadoras e dos traballadores” que “quedan ao arbitrio” das decisións das empresas. “A Europa social que defende o BNG non debe aplaudir unha reforma laboral que só garante despidos máis fáciles e baratos, peores salarios e a indefensión total dos traballadores en calquera negoción colectiva ou individual”, denunciou.

Miranda tamén propuxo á Comisión Europea que os Fondos de Cohesión se distribuan directamente ás comunidades autónomas e non só aos Estados membros, por considerar “máis eficaz” que a xestión se realice desde a Administración próxima aos cidadáns afectados.

Pesca Artesanal

Na súa intervención no Plenario, a deputada tamén interpelou á Comisaría europea de Pesca, María Damanaki, sobre as consecuencias que a reforma da Política de Pesca Común, agora en marcha, poda ter no emprego nunha “nación pesqueira” como Galiza, en particular na pesca artesanal que xera “miles de empregos”.

Miranda será a relatora dun informe sobre a pesca artesanal dentro da Comisión Parlamentar de Desenvolvemento Rexional, onde recollerá as propostas relacionadas coa pesca artesanal e a súa importancia socioeconómica en Galiza. Neste sentido, a comisaria Damanaki contestou a eurodeputada que a Comisión Europea terá en conta a      importancia da pesca de baixura e os aspectos medioambientais de cara ao novo marco pesqueiro común para 2014-2020.

Sociedade