O Dia da Galiza Mártir homenaxeará a Xusto Beramendi

O Dia da Galiza Mártir homenaxeará a Xusto Beramendi

11 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

A Fundación Alexandre Bóveda fixo públicos os actos convocados para o vindeiro luns 17 de agosto, que incluirán unha homenaxe ao historiador Xusto Beramendi en recoñecemento ao seu labor de investigación e difusión da vida e da obra de figuras senlleiras do país, que sufriron a represión franquista. O 17 de agosto conmemórase o cabodano do fusilamento do dirixente do Partido Galeguista Alexandre Bóveda.

A xornada comezará ás 13:00 h. no monumento a Alexandre Bóveda na Caeira en Poio, no lugar onde foi fusilado xunto con moitos outros demócratas cun acto onde intervirá Xosé Luís Bóveda (en representación da familia Bóveda), Fernando Quintela (Presidente da Fundación "Alexandre Bóveda") e Luciano Sobral (alcalde de Poio).

Ás 14:00 horas no Pazo da Cultura de Pontevedra, haberá un xantar de homenaxe a Xusto Beramendi González en recoñecemento "polo seu labor a prol do coñecemento da historia contemporánea de Galiza e concretamente de figuras senlleiras do noso país que sufriron a represión franquista, estimulando a investigación do noso pasado oculto e intervindo na súa difusión e socialización".


Acto cívico

Ás 18:30 horas na Capela de santo Amaro haberá unha ceremonia e ao seu remate levarase a cabo a ofrenda cívica ante o sartego de Bóveda no cemiterio de San Amaro no que intervirá Xusto Beramendi González.

Para rematar, ás 20:30 horas na praza de Curros Enríquez, diante do monumento a Alexandre Bóveda o BNG organiza un acto político no que intervirá Guillerme Vázquez, portavoz nacional da formación nacionalista.

Sociedade