O dia da moción

O dia da moción
07 de Febreiro, 2020 - 09:30 h. | Publicada por Radio Fene

En menos de 24 horas a corporación municipal de Fene celebra dúas sesións plenarias. Onte o pleno ordinario de febreiro e este mediodía o pleno da moción a Gumersindo Galego. Moita espectación desperta a cita das 12 da mañá porque, por experiencia, os feneses poden crer nas sorpresas.

ESCOITA O PODCAST:

A corporación de Fene volve reunirse este mediodía, 16 horas despois de celebrar o pleno ordinario do mes de febreiro. A de hoxe será unha sesión máis trascendental porque se presenta a moción de censura ao actual alcalde, Gumersindo Galego. Os seis edís do BNG, as tres concelleiras do PSOE e outra de EU asinan esta penalización política ao rexedor do PP (na imaxe os e as asinantes da moción) e ás 12 da mañá reunirase o pleno para a súa votación. Todo é máis enrevesado se temos en conta que as tres concelleiras do PSOE que firman a moción, foron desautorizadas pola executiva socialista para dar ese paso. Onte mesmo, antes do pleno o secretario do PSOE entregoulles un escrito no que se lle retiraba a Mar Piñeiro a portavocía do grupo. No pleno celebrado onte á tarde, de feito, Mar Piñeiro non interveu en ningún dos debates, unicamente votou. Tampouco o fixo ao seu lado o concelleiro Antón Noceda que se mantén á marxe da moción de censura que non chegou a asinar.

Pleno ordinario, onte.

Na sesión de onte aprobaronse actas atrasadas, contas pendentes, dúas mocións por unanimidade; unha da FEGAMP relacionada co cambio climático e os concellos e outra de AFAL de apoio aos enfermos de Alzheimer e as súas familias. Cos votos contrarios do PP prosperaron dúas iniciativas do BNG sobre a sanidade pública galega chamando á manifestación nacional do domingo en Compostela e outra, a que despertou máis polémica, relacionada coa demografía do noso país e a emigración da xente nova. Manuel Polo do BNG e Rocío Bértoa do PP chocaron verbalmente nos argumentos. El pedía que a Xunta lle outorgara prioridade ás políticas que eviten a sangría migratoria e favorezan o retorno dos que marcharon. Ela acusouno de ter un discurso caduco e de comparar a emigración do século XIX coa de hoxe. El espetoulle “vostede vive no país das maravillas” e ela retrucou que “O BNG fai unha lectura perversa dos datos oficiais”.

Pleno da moción, hoxe.

A sesión de hoxe comezará ás 12 da mañá. Radio Fene retransmitirá o pleno en directo a través do 107.7 da FM e desde a páxina web radiofusión.eu (Radio Fene en directo). O pleno empezará coa formación da mesa de idade, composta polas edís do PP, Juana Barro e Tamara Miragaya, que pasarán a presidir o pleno e serán as encargadas xunto coa secretaria municipal de confirmar que a moción que se presenta cumple cos requisitos legais. Se é así, e non hai sorpresas, procederase á lectura da mesma. A partir daí daraselle voz ao alcalde entrante e ao saínte saínte, así como os portavoces dos grupos. Rematado o turno de intervencións, chegará o xuramento ou promesa do cargo por parte do novo rexedor que pasaría automaticamente a presidir a sesión.

Institucional

Publica o teu comentario agora