O escudo do Pazo de Barallobre

O escudo do Pazo de Barallobre

01 de Xaneiro, 2008 - 12:00 h. | Publicada por

O vello escudo do Pazo de Barallobre rescatouse das ruinas da edificación derrubada en 1979. Como símbolo a nova Corporación democrática decidiu colocalo nun lugar ben visible como recoñecemento e posta en valor do patrimonio histórico. Pero á hora de montar o escudo non había ningunha mostra fotográfica de cómo era a súa montaxe no vello pazo. A imaxe apareceu con posterioridade e puidose comprobar a montaxe errónea do embl

Na parroquia de Barallobre (Fene A Coruña) non vive ningún Barallobre. Persoas con ese apelido aparecen ciscadas por España e América. Na cidade de Holguín en Cuba, nunha rúa viven máis dun cento de Barallobres. Pero curiosamente, a edificación máis emblemática de Barallobre, o pazo, foi habitada polos Lago, Moscoso ou Jaspe. O escudo e os piñeiros mansos son os dous restos máis visíbeis do antigo pazo de Barallobre. As árbores contan con case que douscentos anos de idade, mentres que o escudo posiblemente date do século XVI, cando se construíu a vella edificación.
O Pazo de Barallobre ergueuse no ano 1591 por Fernando de Lago e Obaña. O seu fillo, o sarxento maior Lanzarote de Lago, faleceu en 1626, recollendo o seu nome con anterioridade nunha lápida que aínda se pode contemplar na igrexa parroquial de Barallobre. O escudo do pazo de Barallobre é un dos poucos restos que nos quedan do emblemático caserón.
O sobriño de Lanzarote, o licenciado e crego Fernando de Lago Bugueiro ergue en 1648 a capela do Bo Xesús no lugar do mesmo nome. A capela trasladaríase logo para a finca do Pazo. Da familia do Pazo de Barallobre, foi o pintor Antonio Jaspe quen conta con obra no Museo de Belas Artes da Coruña. Un gran cadro coa figura de María Pita preside a entrada do Concello coruñés. Esa obra é da autoría de Antonio Jaspe. O seu descendente don Juanito Jaspe, morreu a comezos do século XX sen descendencia. Deixoulle o pazo a un afillado que vivía en Balón quen vendeu posteriormente a propiedade. As escavadoras derribaron o pazo de Barallobre antes das primeiras eleccións municipais democráticas, celebradas en abril de 1979.
Segundo o académico Martínez-Barbeito, na súa obra “Torres, pazos y linajes de la provincia de A Coruña” no escudo do pazo de Barallobre, “ao amparo do yelmo emplumado e baixo un estoxo coa banda dos Andrade, entre anxos tenantes, aparecen oito cuarteis. Nalgúns é posible recoñecer outra vez a banda e os dragantes dos Andrade, a M coroada dos Montenegro, o xaquelado de Bermudez, a torre surmontada de incógnita figura que puidera corresponder aos Lago, tres flores de lis ben ordenadas, tres columnas que puideran dicir Romero, unha árbore  cun cuadrupede pasante que ao mellor alude a Tenreiro e cinco estacas, dos Valcarce ou tal vez dos Quiroga”.
Sociedade