O espiríto solidario reinará en Ferrol na fin de semana

O espiríto solidario reinará en Ferrol na fin de semana

27 de Agosto, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A solidariedade presidirá Ferrol durante esta fin de semana. Co gallo do Día Internacional da Solidariedade, o concello promove por segundo ano consecutivo o Certame Solidario. A cita será no Cantón de Molíns, onde unha vintena de entidades sociais cobrarán protagonismo no marco da Feira Solidaria. Non faltarán os xogos para os máis pequenos , a música, obradoiros e un mercado de comercio xusto.

A apertura da Feira de Entidades Solidarias darán o pistoletazo de saída do certame , o sábado 29 ás doce do mediodía. Estarán presentes Parkinson Ferrol, Dignidade, Lazos, Cogami, a Asociación de Uruguayos, Asmirefe, a Asociación de Colombianos. Tamén participarán Asfedro, a Xoaniña, Adra, Solidariedade Internacional, Ayuda en Acción e Cruz Roja. E xunto a elas, a Marcha Mundial pola Paz e a Non-Violencia e a Área de Solidariedade do Concello de Ferrol. 

 O Alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri e a Concelleira de Benestar Social, Beatriz Sestayo inaugurarán oficialmente ás doce e media a Feira Solidaria. No mesmo acto daráse  lectura a un manifesto por parte da Marcha Mundial pola Paz e a Non-Violencia a quen o Concello adica este ano o certame.

Un dos máximos atractivos  da iniciativa será a actuación do cantautor cubano Karoll Williams Pérez. O autor da canción contra a guerra de Irak “Di que no”, cantará á unha do mediodía acompañado da Banda Hoyo Colorao.  

Os actos retómanse ás cinco do serán, cun obradoiro de iniciación á percusión a cargo de Trópico de Grelos. Unha hora máis tarde Dinamo impartirá un taller de Traballo Decente para unha vida Decente. Un apretado programa que continúa ás sete coa pintada dun mural a cargo de Williams Pérez. Trópico de Grelos, porán a nota musical da xornada vespertina interpretando un pasarrúas titulado “Batuke Galego”. Ás oito e media pecharánse as actividades do Sábado.

Os stands abrirán o domingo 30 de agosto ás doce da mañá. Entregaráse un cheque  de 10.000 euros ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para un proxecto solidario en Gaza. A mañá rematará cun obradoiro de malabares a cargo de Circusfusión e a Asociación de Malabaristas e Novo Circo de Ferrolterra. Pola tarde, ás cinco terá lugar o espectáculo teatral de Fredi Circanelo ao que seguirá unha nova edición do Obradoiro de Traballo Decente que impulsa Solidariedade Internacional de Galicia a través da compañía Dinamo. Coa música de Urumundo  poráse o punto e final a esta segunda edición. Unha fin de semana na que a estrela indiscutible é a solidariedade.

Sociedade