O Facho festexa 50 anos alumeando a cultura do país

O Facho festexa 50 anos alumeando a cultura do país

24 de Xaneiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Culleredo

O 23 de decembro do ano 1963 reúnense por primeira vez un grupo de estudantes, traballadores e profesionais liberais na cafetería Linar da Coruña, movidos por inquedanzas comúns a prol da cultura galega. Estaba a xermolar a Agrupación Cultural O Facho, cuxos estatutos non serían elaborados até xaneiro do seguinte ano. Hai tempo que Linar se transformou nun rodicio de carne, mais o que non mudou foi o traballo d' O Facho, que dende o seu l

O nome de “O Facho” xurdiu talvez relacionado coa Torre de Hércules, vixía do noso devir como pobo e luz da nosa memoria, lembra o colectivo. Reimundo Patiño foi o creador do logo que “funde ese facho cun sol a se pór sobre unha leira”. A primeira Xunta Directiva da asociación estivo composta por X. Miguel Harguindey Banet (presidente), Leopoldo Rodríguez Regueira (secretario), Xermán Muñiz Castro (tesoureiro) e Elena R. López Meneses, Enrique Iglesias Conde e Xosé Alberte Corral Iglesias, actual secretario, como vocais. Amais doutros integrantes da agrupación como Xosé Luís Rodríguez Pardo, o actual presidente, Manuela Corral Villar ou Helena López Prado, que seguen de xeito activo na agrupación, xunto ao tesoureiro Rafael Galego.

Foron presidentes de O Facho, en distintas etapas, Xosé María Monterroso Devesa, Xulio López Valcárcel, Xaquín Villar Calvo e Manuel Caamaño Suárez. E participaron na asociación coñecidos nomes da cultura como Lino Braxe, Xavier Seoane, Francisco Pillado, Manuel Rivas, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xavier Alcalá, António P. Gil, entre outros.

Obxecto e fins

Como se pode ler no punto 6 dos estatutos: “O obxecto e fins desta asociación son o fomento do estudo da cultura galega e máis a dos pobos da mesma lingua e culturas afíns e a súa promoción en todas as súas manifestacións, mediante a organización e desenvolvemento de conferencias, cursiños, exposicións, traballos de investigación e mais actos culturais que tendan á consecución dos fins expresados”.

A agrupación leva medio século facendo dinamización cultural na Coruña. Grazas á suma de vontades axiña comezaron os cursos de iniciación ao galego, a formación do grupo de teatro promovido por Manuel Lourenzo e o concurso de contos infantís no que resultou primeiro gañador Carlos Casares co conto A galiña azul, logo da resolución do xurado formado por Ricardo Carballo Calero, Xohana Torres, Marino Dónega, Jenaro Mariñas del Valle e Xosé Luís Rodríguez Pardo. Ademais organizáronse concursos de teatro e poesía, concursos de contos de terror, por iniciativa do Colectivo Xuvenil Edral (integrado en O Facho), concursos de cómics para nenos, e un sinfín de actos: recitais poéticos, conferencias, homenaxes, mostras plásticas de escultura, recitais de música (Nova Canción Galega, cantigas galegas por Antón de Santiago), presentacións de libros, mesas redondas, pases de filmes galegos, mostras de debuxos (Siro López), semanas culturais e ciclos de conferencias.   

O Facho hoxe

O labor cultural da Agrupación Cultural O Facho segue na actualidade coa organización de palestras públicas, onde persoeiros especialistas en diversos campos do saber desenvolven temas de actualidade e de interese. Liñas de pensamento, dinámicas sociais e culturais desenvolvidas en publicacións ou en traballos son explicadas polo miúdo polos relatores a través da palabra. Así mesmo, O Facho continúa co seu Concurso de Contos e o Concurso de Teatro, coa colaboración de editoriais como Galaxia e Xerais que ceden lotes de libros para os premiados, ou o Estudo Teatral CasaHamlet, ou mesmo, a título persoal, escritores como Xabier P. Docampo, X. M. Martínez Oca e Breogán Riveiro.  

Nos últimos tempos a Agrupación Cultural O Facho creou o Facho de Ouro, un recoñecemento á traxectoria a prol da cultural galega. Deste xeito, resultaron galardoados os persoeiros a seguir: Isaac Díaz Pardo (2006), Avelino Pousa Antelo (2007), Francisco Fernández del Riego (2008), Xosé Neira Vilas (2009), Xesús Alonso Montero (2010), Bernardino Graña (2011) e Francisco Carballo Carballo (2012).

Cultura