O Ferrol da Ilustración amósase ao pobo

O Ferrol da Ilustración amósase ao pobo

05 de Decembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os traballos realizados para preparar a candidatura do Ferrol da Ilustración ao título de Patrimonio da Humanidade vanse mostrar nunha exposición titulada “Ferrol da Ilustración”. A mostra abrirase ó público o vindeiro día 10 de decembro, ás oito da tarde,  no Museo da Construccion Naval “Exponav” do edificio de Herrerías e estará aberta durante un mes. A mostra contará cunha zona informática

A exposición  amosa un resumo dos traballos realizados para preparar a candidatura da cidade ao título de Patrimonio Mundial. Nela pódense ver documentos escritos, planos, mapas, debuxos, libros e obxectos artísticos ligados ás construccións e incluso ao patrimonio intanxible. Entre o máis representativo, preséntase o conxunto dos castelos da ría que, xunto co Arsenal Militar, optan á candidatura de Patrimonio da Humanidade como cidade portuaria-ideal na Idade Moderna, polo seu deseño, construcción, e conservación. O horario de visitas será de martes a venres en horario de 09.30 a 13.30 e os sábados e domingos, de 10.30 a 13.30 (os luns as instalacións permanecen pechadas).

“Ferrol da Ilustración” está patrocinada polo Concello de Ferrol e organizada por Ferrol Metrópoli coa colaboración de Exponav e do Icomos. Está comisionada por Juan José Rodríguez Villasante, quen guiou os traballos vinculados á elaboración do expediente da candidatura de Ferrol. Este expediente consta de tres partes: unha primeira documental e outra de identificación, localización e descrición dos bens incluídos na candidatura ferrolá, que están  rematadas nun 95%, e unha terceira de xestión, xa iniciada.

A exposción ten como obxectivo amosar aos cidadáns todo o traballo e o custe que tivo ata a actualidade o proceso relacionado coa elaboración do expediente que se iniciou hai case unha década. O goberno municipal calificou a mostra como unha “magna exposición”, unha mostra de balance e tamén de punto e seguido no camiño de acadar o soño de que Ferrol sexa declarada Patrimonio da Humanidade.

Cultura