O Festival da Poesía no Condado defenderá a “Lingua e servizos en man común”

O Festival da Poesía no Condado defenderá a “Lingua e servizos en man común”

30 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O Festival da Poesía no Condado unirá, un ano máis, festa e reivindicación en Salvaterra de Miño. “Lingua e servizos en man común” é o lema que resume as inquedanzas do colectivo organizador, a Sociedade Cultural e Deportiva do Condado. Segundo comentou en Radiofusión unha das organizadoras do evento, Irene Cancelas, están preocupados

As Covas de Dona Urraca e a Casa do Conde servirán de escenario do XXIV Festa da Poesía. Inaugurarase o venres ás sete e media da tarde cunhas exposicións de pintura, mongráficos de Zeca Afonso e o Che Guevara. Tamén haberá oco para as proxeccións audiovisuais, a música co grupo Sonhos e unha cea que irá seguida de festa rachada.

O sábado ao son das gaitas retomarase o festival e os participantes poderán realizar unha viaxe en tren de baixa velocidade. Tamén se xogará un campionato de billarda e, a iso da unha da tarde, celebrarase unha palestra con colectivos sociais baixo o título “Que facer perante o desmantelamento dos servizos públicos?”.

A partir das cinco da tarde comezará a Festa Infantil con obradoiros e a actuación de Galiza Pulgas Circus. Unha hora máis tarde arrincará tamén a presentación dos libros: Colectánea de Poesía Feminista Galega, editada pola Asamblea de Mulleres do Condado e Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural, publicado polo Cineclube de Compostela.

As curtas premiadas no Festival de Cans serán as protagonistas a partir das sete da tarde e ás oito e media, e ata ben entrada a madrugada, celebrarase o Festival Poético-Musical. Berrobambán encargarase da presentación do acto no que tomarán parte Alicia Fernández, Branca Novoneyra, Carlos Quiroga, Carlos Negro, Calros Solla, David Rodríguez, Elvira Riveiro, Kiko Neves, Laura Branco, Samuel L. París, Samuel Solleiro, Tiago Gomes e Xulia María. Tamén haberá oco para as actuacións musicais de Uxía, De outra margem, Labregos do tempo dos Sputniks, Os tres trebóns e Afro-vungo.

Cultura