O Festival da Terra e da Lingua cumpre dez anos

O Festival da Terra e da Lingua cumpre dez anos

23 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Fundación Artabria celebrará entre o venres e o sábado desta semana, na área recreativa do muíño de Pedroso (Narón), unha nova edición do Festival da Terra e da Lingua. Aproveitando o décimo aniversario, a organización escolleu “a defensa da lingua” como tema e motivo do certame.

O Festival da Terra e da Lingua é “un evento cultural, musical e de activismo social que naceu co obxectivo de dar forza á lingua, á cultura e á conciencia nacional galega na nosa comarca”. Segundo explicou a Radiofusión un dos responsables da organización, o membro de Artabria Bruno López, neste certame combínanse en doses semellantes a música e a diversión coa reflexión e a acción.

Os cantareiros da Coruña “Maghúa” e os grupos folk “Estimaba queviñeras” e “Boj” abrirán o venres este décimo Festival da Terra e da Lingua. Tras o concerto, previsto para as dez da noite, a música continuará coa denominada “Repichoca Ártabra” na que calquera persoa que queira levar o seu instrumento poderá subir ao escenario.

Pero o día grande do Festival será o sábado. A xornada comezará ás doce do mediodía coa inauguración da exposición fotográfica “Dez anos en dez fotos”, de Ernesto Lopes. Pola tarde celebrarase, a partir das catro, o II Campionato de Fútbol 3x3 e, ás cinco e media, o II “Abertiño Ártabro de Billarda”.

Para os máis pequenos, a oferta de Artabria para este sábado pasa polo chamado “Festivalciño”, con distintos xogos e obradoiros que se celebrarán ao redor das cinco e media do serán. Ademais, Bruno López adiantou a celebración, a partir das sete e media, dun debate sobre “O futuro da nosa língua” e, a continuación, a lectura do pregón a cargo do escritor Sechu Sende.

O X Festival da Terra e da Lingua pecharase unha vez máis con música, cun concerto no que actuarán os grupos Wisdom, KaveGZ e Lamatumbá.

Sociedade