O Festival de Pardiñas cumpre 31 anos esta fin de semana

O Festival de Pardiñas cumpre 31 anos esta fin de semana

05 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os días 6 e 7 de agosto a localidade guitiricense de Pardiñas acolle unha nova edición do seu tradicional Festival. Xosé Manuel Budiño será a estrela do cartaz deste ano, nunha cita estival na que a música manda e na que non faltará un espazo para a pintura, a escultura, a literatura e a fotografía.

No eido musical e durante o sábado subirán ó escenario os grupos Bellón Maceiras Quinteto, Al Jaujala, Canteca de Macao e Galegoz. Será a partir das nove da noite. Por outra banda, Pelepán, Pablo Seoane Grupo, Alale e Guinteavan acompañarán a Xosé Manuel Budiño durante o domingo.
E para darlle aínda máis forma ó evento celébrase durante estes días a decimosexta Mostra de Artesáns de Instrumentos de Música Tradicional e a Exposición de Artesanía, que cumple, ó igual co Festival, 31 anos. Na nova edición, 22 artesáns serán os encargados de amosarlles ós que se acheguen a esta parroquia de Guitiriz o seu talento á hora de construír instrumentos. O sábado pechará o día coa súa música a agrupación chairega de Os Minhontos.
No eido literario, recoñecidos escritores coma Xosé Neira Vilas ou Marica Campo farán unha visita a Pardiñas aproveitando a ocasión para entregar os premios do certame infantil de poesía, contos e debuxo.
Os que asistan a este Festa de Interese Turístico Galego van poder atopar un pouco de todo: música, literatura, pintura e escultura.

A Música tradicional será parte de Pardiñas na súa “XVII Mostra de Instrumentos”

Os instrumentos de música tradicionais voltarán a ser parte de Pardiñas. Como noutras edicións, a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) achegarase ata a edición XXXI do Festival guitiricense para organizar a que será a "XVII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional". Este evento constitúe unha das exposicións de luthería máis antigas da península e congregará, como cada ano, a numerosos artesáns do país para mostrar o seu traballo ao público. Este ano serán 22 artesáns os que amosarán aos que se acheguen por esta parroquia guitiricense o seu talento para a construción de instrumentos.

Outra aposta segura será a música e o baile tradicional, xa que o espazo de Pardiñas terá actuacións en directo, obradoiros e a sempre estimada participación do público presente.

En canto ás actividades a desenrolar na Mostra, comezarán o sábado 7 de agosto co pregoeiro, que estea no será un dos membros fundadores de Milladoiro, Nando Casal. Posteriormente terá lugar unha demostración e construción de gaitas con torno de varas, a cargo do artesán Nebra. A formación chairega Os Minhotos será a encargada de pechar o día coa súa música. Este grupo chairego, composto por cinco músicos, naceu como cuarteto en 1996 e foi incorporando instrumentos da música galega como o acordeón, a requinta ou a zanfona.

O domingo haberá actividades desde a mesma mañá co Concerto “Os instrumentos femininos”, a cargo de Pablo Carpintero, Rosa Sánchez, Mª del Carmen Picallos e Xaneco. Pola tarde programouse unha demostración práctica de instrumentos de corda e percusión a cargo do grupo Diluvea, que está formado por Diego Langarika, Luis Martínez e Beatriz Martínez. O Obradoiro de Baile Tradicional, correrá a cargo de Gustavo Couto, mestre desta disciplina e coautor do libro Bailaben, e máis tarde Pablo Carpintero e Rosa Sánchez serán de novo os encargados de ofrecernos un concerto de repertorio antigo de Pontevedra, que rematará cun obradoiro de Treboada a cargo de Oli Xiraldez.

Desde Xermolos se informa que as actividades previstas para enriquecer a exposición, están enfocadas para que sexan totalmente participativas, polo que haberá un escenario dispoñible, durante todo o día para todos aqueles músicos que desexen tocar, e aqueles artesáns que queiran falar ou facer algunha demostración da sonoridade dos seus instrumentos.

Presentación do novo disco de “A Quenlla”

O grupo de música folk “A Quenlla” escolleu a edición do 2010 do Festival de Pardiñas para presentar o seu novo traballo “Unha vez foi o Trebón”. Este disco, o undécimo na súa carreira, ten moita relación coa Terra Chá, xa que pon música a textos de temática irmandiña do poeta de Outeiro de Rei, Manuel María. Este traballo foi cedido á Irmandade Manuel María da Terra Chá.

A cita será o vindeiro domingo, 8 de agosto ás 13.30 horas na Mostra de Instrumentos e contará coa participación de importantes nomes da cultura galega como Marica Campo, Miro Casabella, Xosé Estévez, Xosé Neira Vilas ou David Otero, que se sumarán aos membros do grupo A Quenlla para amosar aos que se acheguen polo Festival o novo traballo dun dos grandes grupos do folk galego.

Carreira Popular

O atleta ferrolán falecido este ano, Julián Bernal, será o nome principal da Carreira Popular de Pardiñas que comezará contra as 19.00 horas do sábado 7 de agosto. Este corredor, que destacou polos seus resultados e o seu compromiso co deporte, que practicou ata días antes do seu deceso, morría o pasado 16 de marzo á idade de 91 anos. Desde a organización do Festival non se quixeron esquecer da súa persoa e esta popular levará o seu nome no 2010.

O percorrido da mesma será o mesmo que en anos anteriores e terá unha distancia de 5,3 quilómetros para os adultos e 4 para os nenos. Todos aqueles que queiran apuntarse poderano facer ata media hora antes na liña de saída, situada no Campo da Feira de Guitiriz.

Cultura