O fillo predilecto

O fillo predilecto
18 de Maio, 2020 - 12:41 h. | Publicada por Radio Fene

Don Ricardo Carvalho Calero reivindicaba o ferrolán que levaba dentro. Estaba fachendoso da súa cidade natal onde os ingleses circulaban polas rúas formando parte da paisaxe urbana.

ESCOITA O PODCAST:

A rúa San Francisco

Ricardo Carvalho Calero reivindicábase ferrolán, moi ferrolán. É como se se ofendese cando poñemos en dúbida o tempo que paso una súa cidade natal. Cando se insinuaba que marchou pronto da cidade, mosqueábase e contestaba, “ Non a abandonei moi novo. Aparte dos anos de estudos en Santiago e os tempos da guerra civil, non cambiei de domicilio ata o ano 1950”. Rotundo contestaba o profesor reivindicándose ferrolán e nada máis que ferrolán. E aportaba todos os datos explicados ao milímetro “Nacín en Ferrolvello, nunha casa da rúa San Francisco nº 51 que do outro lado daba á praza Vella. Todas as rúas de Ferrol tiñan dous nomes, un deles respondía aos cambios da política. A rúa San Francisco chamábase tamén Joaquín Becerra Armesto e a praza Vella, praza do Marqués de San Sadurniño” . E segue explicando Don Ricardo que xunto ao seu domicilio había dúas casas importantes,  industria de efectos navais, a de Vich e Maristany, emprendedores cataláns que se instalaron na cidade naval.

Os ingleses

Tamén lembra Carvalho Calero a presencia dos ingleses na cidade porque a Sociedad Española de la Construcción Naval troixo da Gran Bretaña moitos técnicos especialistas en industria naval. Cando o seu pai o levaba á Coruña, Carvalho extranábase da ausencia de ingleses polas rúas. “Tiñan a súa capela evanxélica e a súa escola propria” explicaba Don Ricardo, quen logo viviu fronte á casa natal, no número 56 da mesma rúa. Aínda de solteiro viviu na rúa Real, fronte a Correos; na rúa Rubalcava e aínda en Esteiro, na rúa Carlos III, aquí xa casado, aclara. En Ferrol aprendeu a ler grazas á súa nai que o introduciu na lectura “coas letras grandes de El Correo Gallego. "Cando fun á primeira escola dunhas señoritas da rúa Magdalena, eu xa sabía ler”, cóntanos.

O Xofre e as zarzuelas

A nai de Carvalho Calero morreu moi nova. Coa súa segunda nai, que era tía e madriña casada co seu pai, acudía ás sesións de varietés no teatro Xofre que convidaba a compañías de teatro e teatro lírico. Recoñece Carvalho Calero que os seus primeiros escarceos literarios foron libretos de zarzuelas. “ Estaban moi de moda. A banda militar interpretaba as “fantasías” que eu aprendía de memoria”. Lembra o profesor estar nos xeonllos do seu pai no teatro ferrolán. Como empezou a estudar piano co mestre Arximiro Braña, escribía textos teatrais e poñíalles música que compoñía mentalmente.  Recoñece o noso protagonista a súa temprana vocación de escritor e como empezou a publicar na revista “Maruxa” que editaba o seu tio Vicente Beltrán Ramos, logo en “Vida Gallega” na que o introduciu Nicolás García Pereira, así como no xornal El Correo Gallego. Cunha memoria extraordinaria, Carvalho Calero, nomea a todas as persoas ferroláns interesadas na  Cultura , de tendencia galeguista, agrupadas arrdor da revista Céltiga. Quintanilla (que sería alcalde) , Manuel Comellas Coimbra, autor da peza “Pilara. Grandezas dos humildes” E lembra tamén a un lugués afincado en Ferrol que tiña un almacén na rúa da Igrexa, Manuel Fernández Barreiro, amigo do seu pai. “Traduciu a un galego moi elegante, obras inglesas”. Os recordos de Don Ricardo na cidade que o veu nacer continúan na entrevista que podes escoitar aquí.

(Na imaxe de prensa. O alcalde Couce Pereiro entrega a condecoración de Fillo Predilecto de Ferrol a Ricardo Carvalho Calero. Día de San Xiao de 1990).

Cultura

Publica o teu comentario agora