O futuro e o presente dos medios en galego a debate

O futuro e o presente dos medios en galego a debate

26 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

O presente e o futuro dos medios de comunicación impresos e electrónicos difundidos en galego. Este foi o tema central das xornadas de reflexión e debate que tiveron lugar esta mañá no Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. Neste encontro participaron numerosas personalidades do mundo xornalístico e cultural galego para abordar, entre outras cuestións, o tema da crise dos medios en galego e a política de subvencións da Xunta.

Xabier Cea, presidente da Asociación de medios Escritos en Galego (AME), indicou que existe unha diferenza cuantitativa moi importante entre os medios difundidos en castelán e os difundidos en galego, ao mesmo tempo que auguraba, para estes últimos, un futuro difícil, aínda máis coa caída do orzamento da Xunta para estes medios.
Por outra banda, o director do xornal A Peneira, Guillermo Rodríguez, destacou o espazo local como unha oportunidade que os medios en galego deberían aproveitar, xa que ten un grande interese para a poboación. Tamén fixo alusión á función formativa destes medios, afirmando que deberían facer país e criticou a incoherencia, que segundo Rodríguez, teñen certos nacionalistas que non apoian aos medios en galego.

Outro dos participantes da Xornada, o director da publicación de balde De Luns a Venres, Alfonso Álvarez, afirmou que os xornais estaban vivindo por riba das súas posibilidades, acomodados nas axudas públicas. Pese a que o futuro dos medios en galego é incerto, Álvarez considera que hai que aproveitar as novas tecnoloxías.

A Xornada, que consistía en diversas conferencias e unha mesa redonda, rematou coa intervención do secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, na que explicou cal é a política da Xunta para os medios en galego.

Sociedade