O Galeón queda en Fene

Fene agradece a doazón da peza ao artista Fernando Couce.
04 de Novembro, 2019 - 01:54 h. | Publicada por Radio Fene

O artesán Fernando Couce dona ao Concello de Fene a maqueta do barco “Soberano dos mares”. O alcalde asinou o convenio de doazón da peza, exposta dende hai uns anos na Casa da Cultura fenesa.

O alcalde de Fene recepcionou,  trala sinatura do convenio de doazón, a maqueta de madeira do barco “Soberano dos mares”, realizada polo artesán local Fernando Couce. O navío amósase xa dende hai uns anos no cubo acristalado sito fronte á porta de acceso á Casa da Cultura, froito dunha doazón temporal previa por parte do artista. Pero, coa sinatura do convenio o pasado xoves, a doazón da obra pasa a ser permanente.

A peza é unha maqueta de madeira de 190x200 cm que representa con moito detalle o barco inglés "Soberano dos mares". Este, foi un dos galeóns máis sobranceiros e ostentosos da armada inglesa do século XVII. Construído durante o reinado de Carlos I de Inglaterra, participou en grandes batallas contra os franceses, españois e holandeses nunha dura loita pola hexemonía marítima. Tiña 71 metros de eslora, 15 metros de manga e un calado de 7,2 metros.

Gumersindo Galego, destacou a calidade da obra e agradeceu moi especialmente en nome da veciñanza a doazón, un xesto xeneroso por parte do artista.

Cultura

Publica o teu comentario agora