O galego necesita máis protección

O galego necesita máis protección

22 de Febreiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

Orgullos@s do noso. Orgullos@s do galego. Martín Rivas, Belén Regueira, Antón Reixa, Susana Seivane, Luís Tosar e María Castro están orgullos@s do galego ao 100%. Así o indican na campaña da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística presentada este meiodia en Santiago de Compostela.

Antón Reixa, Susana Seivane, Carlos Ares e Isabel Risco valoraron a iniciativa e agradeceron á Coordinadora a oportunidade de "sentírmonos útiles e poder facer cousas a prol do que pensamos".

Antón Reixa subliñou a súa oposición ao Decreto do ensino, que cualificou como "unha volta atrás" e apostou polo traballo feito durante todos estes anos: "temos moito avanzado grazas a labor de persoas como as que traballan nos equipos de normalización", afirmou. Carlos Ares reiterou a súa disposición a colaborar en iniciativas en defensa do noso idioma apelando á frase do actor Dean Martin, "quen cando recibía un bo guión só dicía: A que hora e con que roupa?, o mesmo dixen eu".

Susana Seivane subliñou a necesidade de defender a nosa fala e recordou que, malia nacer en Barcelona e ter nai andaluza, "falar galego e defendelo é unha cuestión natural". Finalmente, Isabel Risco destacou que "o galego non é algo pechado, senón que nos podemos expandir, e comprendérmonos en todo o mundo".

Sociedade