O galego saca músculo

O galego saca músculo

08 de Febreiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

"O galego saca hoxe músculo" afirmou o humorista Xosé Lois "O Carrabouxo" nunha Praza da Quintana de Santiago de Compostela ateigada de xente. Máis de vintecinco mil persoas secundaron o chamamento da plataforma Queremos Galego e esixiron medidas efectivas de promoción e protección da lingua galega.

Colectivos e entidades de todo o pais e dirixentes do PSdeG, AGE, BNG, Compromiso por Galicia, Cerna e Podemos participaron na protesta. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira, expresou o seu convencemento de "ter forza para reverte a situación e repolo galego ao lugar que merece, dunha lingua normal". Maceira tamén respaldou á asociación de Medios en galego e á iniciativa "Herdo Novo".

O portavoz de Anova, integrada en AGE, Martiño Noriega, pola súa banda, explicoulles aos informadores que os participantes na manifestación "vimos reivindicar un sorriso ao idioma e sacar a lingua polas rúas de Compostela, cunha esperanza e unha mensaxe en positivo, que por moito que o tenten quen nos está gobernando, os homes de traxe gris, o idioma ten futuro e as nosas fillas falarán en galego".Para Noriega, "o idioma, ademais, é unha ferramenta que hai que pór a disposición da cidadanía e como iso tense que ver, como unha ferramenta utilitaria, non só para vivir aquí, non só para exercer a memoria, senón para percorrer o mundo" e para formarte, ler a prensa e traballar. Na súa opinión, a política lingüística da Xunta foi "un desgoberno" e preguntouse "cantos pobos teñen un Goberno que lexisle e goberne contra os intereses do conxunto da cidadanía e contra as coordenadas que lle dan a súa razón de ser e, nese sentido, o idioma é unha delas".

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, lamentou "a falla de apoio das institucións para o idioma que é de toda a xente con independencia de ideoloxía ou cor política”. Vence criticou a política lingüística do PP: “Non aproveitou o autogoberno para defender o idioma, o autogoberno debe ser un dos principais valedores e axentes de prestixio do idioma e, hoxe por hoxe, non vemos ese compromiso na Xunta, ni no presidente nin no seu goberno” O portavoz do Bloque salientou que "defender e reivindicar a lingua propia do país non é politizalo”, pola contra "politizan o idioma quen lexisla en contra del, os que fan leis que en lugar de promover o uso do idioma levantan barreiras e dificultades e emiten mensaxes negativas

A Real Academia Galega (RAG) manifestou publicamente a súa fonda preocupación pola acción de goberno da Xunta neste eido. Fíxoo a finais de xaneiro, dous meses despois de transcender un informe do Instituto Galego de Estatística (IGE) que revela que ata tres de cada catro rapaces falan sempre ou a miúdo en castelán.

Sociedade