O GDR da Terra Chá presenta os primeiros proxectos do Plan Leader

O GDR da Terra Chá presenta os primeiros proxectos do Plan Leader

01 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O xerente do Grupo de Desenvolmento Rural (GDR) da Terra Chá, Anxo Fernández anunciou os primeiros proxectos que se acolleron ao Programa Leader Galicia 2007-2013, en caso de que sexan aprobados pola asemblea da organización. O período de solicitudes para acollerse ao Leader abriuse o pasado 1 de xuño. Fernández tamén admitiu que contarán, como orzamento para este 2009, con 1.198.000 euros.

O primeiro dos proxectos será a creación dun servizo de catro carpas para cubrir as necesidades de todas as asociacións da comarca.  Cada unha delas asignarase a dous concellos, que se agruparán en función da súa proximidade xeográfica. Así, se distribuirán nos grupos formados por Begonte e Guitiriz, Vilalba e Abadín, Castro de Rei e Cospeito e Xermade e Muras.

 

 

As carpas serán realizadas en aluminio e tela innífuga e se contratará a unha empresa para que se ocupe da montaxe e do mantemento das mesmas, co obxectivo de minimizar o seu desgaste e deterioro. Desde o GDR se estima que as carpas poderían estar dispoñibles a principios do 2010.

 

O segundo dos proxectos anunciados por Fernández, denominado “Gota de leite” , no que colaborará a Fundación Terra Chá, comprenderá a produción e comercialización, por parte dos propios agricultores, de leite enriquecida con isoflavonas. Unha das opcións incluídas no plan podería ser a firma dun convenio con institucións públicas, para poder introducir o leite en colexios, residencias de anciáns, etc, co fin de valorar a súa acollida e estender posteriormente o seu mercado de vendas.

 

Unha segunda parte de “Gota de leite” será a creación dun espazo ao aire libre para que todos os artistas chairegos puidesen expresar na pedra ou na madeira algo alusivo ao sector lácteo. Na mesma  área se prevé tamén a construción dun edificio que albergase un museo etnográfico. Así, poderíase “conxugar os aspectos produtivos e turísticos na zona”, segundo afirmou Fernández. O lugar aínda non está decidido, pero confirmouse que sería un espazo único.

 

Por último, como terceira opción, programarase o proxecto “Mil regatos”, no que se tentará potenciar as sendas verdes que se atopan na bisbarra. Desde a institución chairega se buscará que cada zona estea apadriñada por unha asociación da zona que coidase os camiños “ambientalmente”. Para elo contaría coa colaboración dos concellos e cunha subvención do GDR.

Sociedade