O grupo de teatro do Círculo de Perlío levará o nome de Siro López

O grupo de teatro do Círculo de Perlío levará o nome de Siro López

21 de Setembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Asegurouno en Radiofusión a vicepresidenta cultural da entidade fenesa, María Piñón, ademais de anunciar que en breve comezará un ciclo de teatro afeccionado na sociedade. Ad Libitum, Crucia Teatro, Amistade e Teruca Bouza serán os convidados.

Despois de varios meses de ensaios, o grupo de teatro “Siro López” está preparado para botar a andar. Sete son os compoñentes desta formación que dirixe Carlos Basoa e que en breve se estreará sobre o escenario. Ata entón, o Círculo de Perlío organiza para os meses de outubro e novembro unhas xornadas teatrais que incluirán cinco funcións.

O ciclo comezará o 3 de outubro coa representación da obra “A mansión”, a cargo do grupo Ad Libitum Teatro. O día 11 do mesmo mes actuará no Casino de Perlío “Crucia Teatro”, levando a escea a peza “Paralizados”. As xornadas continuarán o 6 de novembro coa representación da obra “Anisocoria” do grupo de teatro Amistade, e o día 20 co grupo “Teruca Bouza” e a súa peza “O cantar dos Cantares”. Para o remate das xornadas, o 28 de novembro, María Piñón anunciou unha grande sorpresa final. Tódalas funcións serán ás oito e media do serán.

Ademais de teatro, o Círculo de Perlío anuncia para o mes de outubro o arranque das súas escolas culturais para este novo curso 2009-2010. O programa inclúe baile rexional infantil e de adultos, bolillos, bordado, pintura, ximnasia de mantemento e relaxación para adultos, ademais de teatro. Para máis información, as persoas interesadas poden pasar polo local da sociedade ou chamar ao teléfono 981-340283.

Sociedade