O grupo parlamentario do BNG no Congreso pide ao Goberno que investigue o ERE de Pascual

O grupo parlamentario do BNG no Congreso pide ao Goberno que investigue o ERE de Pascual

25 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Os parlamentarios do BNG no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila e Francisco Jorquera, rexistraron hoxe unha iniciativa na que piden ao Goberno que investigue a fondo o ERE presentado por Leche Pascual para a planta de transformación láctea de Outeiro de Rei (Lugo).

Os representantes nacionalistas preguntan ao Goberno se está disposto a “investigar se dito ERE obedece unicamente a unha operación mercantil de Pascual para vender a planta libre de cargas laborais”. Nese sentido, aluden a diversas informacións que sinalan que “a presentación do ERE está motivado por unha operación mercantil de traspaso da planta pola que a empresa intenta obter unhas condicións máis vantaxosas, evitando unha sucesión de empresa que legalmente conleva a subrogación da plantilla”.

 

Para os parlamentarios do BNG, “estes feitos probarían que o interese da empresa non é outro que vender a planta libre de cargas laborais, circunstancia que debe motivar unha actuación decidida do Goberno”.

A mesma Vicepresidenta dixo que non está xustificado

Davila e Jorquera tamén lembran que a propia Vicepresidenta Primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, afirmou, nun acto celebrado onte en Lugo, que o ERE de Pascual non estaba xustificado.

Razón pola que preguntan ao Executivo “cal é a súa posición ao respecto e, en consonancia co expresado por Fernández de la Vega, se o Goberno comparte que o ERE non estea xustificado”. Nese caso, inquiren ao executivo “se estaría disposto a desautorizalo”.

Os parlamentarios do BNG consideran que o ERE desta firma láctea está rodeado dunha serie de interrogantes que é importante despexar, “sobre todo, cando se presentou de xeito inesperado, cando no ano 2008 esta planta daba beneficios, e incluso cando se acometeron melloras laborais no pasado mes de febreiro”.

Sociedade