O home que falaba coas ovellas

O home que falaba coas ovellas
04 de Outubro, 2020 - 08:18 h. | Publicada por Radio Fene

"Estades intranquilas. Que vos pasa?" díxolle Delfín Feal unha tarde ás súas ovellas cando as ia retirar da parcela na que pacen durante todo do dia. Veu primeiro unha ovella que acababa de parir un año. Máis abaixo veu outro año morto, sen cabeza e sen patas. O raposo cebárase con él. Desde aquela, dous cans mastíns gardan ás ovellas e evitan "ataques indesexados".

ESCOITA O PODCAST:

“Non se trata de rendibilidade económica. No meu caso é un asunto romántico”. Así se expresa o veterinario Delfín Feal, diante do seu rabaño de 28 ovellas galegas, unha especie que figura no catálogo de animais en perigo de extinción e que el empéñase en recuperar nun lugar en Magalofes (Fene) que lle deixaron seus pais.

Para ser rendible economicamente terías que ter unha explotación moi grande. Por que non é rendible? Porque é pequena. “Para conseguir 8 quilos de año en canal, necesitas sete ou oito meses. Outra raza, meriña ou charolesa (Francia) con dous meses de crianza xa os tes” explica Delfín Feal. A ovella galega é de produción cárnica. O leite é para criar os años. A gran vantaxe é a cualidade da súa carne, exquisita, e que só precisa herba para a súa alimentación. A maiores estamos diante dun animal moi prolífico porque pare como mínimo dous ou tres años. Delfín tenas á intemperie, aínda que poden meterse na corte, pero prefiren refuxiarse baixo as árbores ou as parras cando o tempo ven mal dado ou vai moita calor. Outra vantaxe é que limpan elas soas o lugar. Delfín pon o exemplo da súa finca que tiña a herba con 15 ou 20 cm de altura. “En dous dias quedou totalmente limpa”.

A asociación ASOVEGA (Asociación de ovella galega), á que pertence Delfín Feal, trata de dala a coñecer e de promocionala en tendas e restaurantes da zona para que a xente a coñeza e a valore. Hai xente reácia a comer carne de año polo sabor pero, no caso da ovella galega, o sabor suavízase porque a súa graxa é menos saturada. “Non sabe a cordeiro, hai que probala”. Outro aspecto a ter en conta é a la. A da ovella galega está cualificada entre basta e fina e por iso utilizábase para roupa de traballo porque é moi dura e resistente. Están facendo un proxecto a medio e longo prazo coa asociación Mulleres Rurais de Cabanas para sacarlle partido mellorando a cualidade. Outro dato é o prezo do año galego que acada entre os 50 ou 60€. As ovellas manteñen limpas as parcelas da Xunqueira en Magalofes e practicamente fan innecesaria a limpeza mecánica. Axudan ao equilibrio do medio rural.

Sociedade

Publica o teu comentario agora