O IESCHA presenta hoxe o Proxecto da Casa Manuel María en Vilalba

O IESCHA presenta hoxe o Proxecto da Casa Manuel María en Vilalba

18 de Xuño, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) presentará o proxecto de Casa Museo Manuel María hoxe a partir das 20.30 horas no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba, e no que participa a área de Cultura da Deputación de Lugo, dirixida polo nacionalista Antón Bao. No acto intervirán Saleta Goi, presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, Alberte Ansede, secretario desa Fundación e Manuel Roca Cendán, directivo do IESCHA.

Ademais da proxección de imaxes que recrean virtualmente a que vai ser Casa Museo Manuel María, presentarase tamén a Asociación de Amigos da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, que se constituíu en Santiago de Compostela o día 17 de abril de 2010.

X Edición da Ruta Chairega
Por outro lado, o IESCHA organizou, para este domingo, a X edición da Ruta Chairega.  Esta xornada recordará, para conmemorar estes 10 anos, o primeiro percorrido, polo que camiñarán, por terras de Castro de Rei e durante uns 8 ou 9 quilómetros, a Ruta do Azúmara.  Ao remate da ruta haberá unha comida nun restaurante da zona.

 
 O traslado dos participantes farase en autobús desde Vilalba ata o inicio da ruta, saíndo das inmediacións Casa da Cultura sobre as 10.00 horas e retornando pola serán, tamén en autobús.  
Aproveitando a ocasión do percorrido da ruta por terras de Castro de Rei, o IESCHA quere manifestar o seu total apoio ás iniciativas encamiñadas á protección, conservación e promoción do conxunto histórico-artístico de Castro de Rei.

Cultura