O inicio do inicio

O inicio do inicio

30 de Decembro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

"É só o inicio do inicio", advertiu a ministra portavoz do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría. A número dous do executivo compareceu este mediodia para debullar os recortes nos orzamentos diante dos medios informativos, acompañada polos titulares dos departamentos de Economía, Facenda e Traballo. Xa hai as primeiras reaccións. A CIG afirma que están en perigo os servizos públicos esenciais. O sindicato nacionalista alerta

O Executivo de Mariano Rajoy anunciou un recorte maior do esperado esgrimindo un único argumento: o 6% de déficit público co que se esperaba pechar o ano ascenderá polo menos ao 8%. Eses dous puntos de "desfase" implican que haberá que recortar 20.000 millóns de euros máis aos 16.500 millóns que xa avanzou Rajoy durante o debate de investidura.

Son dous puntos de máis -a cifra definitiva coñecerase en febreiro- que obrigaron, segundo o Executivo, a adoptar "medidas extraordinarias e non previstas". Actuacións "que tratan de salvagardar aos máis débiles", defendeu a portavoz do Goberno, Soraya Sáenz de Santamaría.

A pesar desa defensa dos "máis febles" aprobouse unha subida de impostos para todos os contribuíntes ao incrementarse o IRPF entre un 0,75% e un 7%, en función dos tramos. Será unha "recarga complementaria de solidariedade", segundo definiu eufemísticamente a ministra portavoz do Goberno. A cota estatal sobe nunha escala do 0,75% para o primeiro nivel de renda até o 7% no nivel máis elevado, a partir de 300.000 euros de base liquidable. Un exemplo: quen cobre entre 12.000 e 16.000 euros deberá pagar 53 euros máis. Aqueles que gañen entre 16.000 e 22.000 euros toparanse cunha subida da contorna de 80 euros. Só coas rendas do traballo o Executivo contempla recadar 6.200 millóns de euros.

Sociedade