O inverno demográfico

O inverno demográfico
13 de Agosto, 2019 - 08:38 h. | Publicada por Radio Fene

Fene baixa dos trece mil cidadáns. Segundo os datos provisionais do Instituto Nacional de Estadística a un de xaneiro do 2019 quedamos 12.944 veciños e veciñas. En 2018 éramos 13.013 veciños. En 2017, 13.110. Segue a tendencia de perda de poboación da última década dado que en 2008, había 14.169 cidadáns.

ESCOITA O PODCAST:
Só cincuenta e sete nacementos houbo en Fene no 2018

No ano 2018 rexistráronse en Fene 153 defuncións e tan só 57 nacementos. Houbo 33 matrimonios.  A idade media situase nos 49,36 anos e un 28,76% da poboación xa conta con máis de 65 anos. No conxunto de Galicia a idade media permanece nos 47 anos e a porcentaxe de poboación maior de 65 anos queda no 24,89 por cento. O experto en demografía Carlos Ferrás ven alertando desde hai anos sobre a necesidade de políticas activas para frear o avellentamento da poboación. El cre posible a desaparición da autonomía e a perda de identidade cultural de Galicia, se continúan as tendencias dos últimos anos. Seremos máis dependentes do estado central,se aquí non temos xente moza, segundo Ferrás.
Para o historiador, frear o avellentamento require dun proxecto colectivo de desenvolvemento que permita atraer xente nova e ao mesmo tempo favoreza a permanencia en Galicia de mozos e mozas. Porque a menos poboación nova, menos posibilidades de que aumente a natalidade.

Sociedade

Publica o teu comentario agora