O lobo instálase no Museo Provincial de Lugo

O lobo instálase no Museo Provincial de Lugo

07 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A vicepresidencia da Deputación de Lugo, o Museo Provincial, xunto coas Asociacións ADEGA, ERVA e a Asociación de Amizade das Artes Galego Portuguesa (AAAGP) organizan a exposición “O lobo. Unha carreira pola supervivencia”. A mostra, que permanecerá aberta ata o 25 de outubro na Sala de Exposicións da Deputación, inaugurarase mañá contra as 20 horas e contará coa presenza do vicepresidente da institución provincial e m

A exposición, que xa pasou polas localidades coruñesas de Oleiros, Compostela e Sigüeiro, chega a Lugo coa intención de ser un alegato en favor da conservación do lobo e dos seus hábitats ante as ameazas ás que está sometido pola acción humana. Tamén tenta achegar a figura deste morador ás persoas, como elemento da nosa cultura, do noso imaxinario, da nosa paisaxe e da nosa diversidade natural co que hai que convivir.

 

A exposición conta coa obra pictórica, literaria, fotográfica e audiovisual de máis de 60 artistas galegos e portugueses que amosan unha visión diferente, amigable e solidaria do lobo.

 

“O lobo. Unha carreira pola supervivencia” estará aberta ao público na Sala de Exposicións da Deputación de Lugo desde mañá, día 8, ata o 25 de outubro en horario de 10.30 h. a 14.00 h. e 16.30 h. a 20.30 h. A entrada será de balde e está previsto que se realicen visitas guiadas e charlas para grupos de alumnos dos centros de ensino de toda a provincia. As charlas serán impartidas por Pedro Alonso, membro do colectivo ERVA e un grande coñecedor da especie e dos seus costumes. Previamente, entregaranse unhas enquisas aos rapaces e rapazas participantes para que indiquen cales son as súas percepcións e coñecementos sobre o lobo. Posteriormente, a Asociación de Escritores de Lingua Galega publicará as mellores redaccións nas Actas das II Xornadas de Literatura de Tradición Oral: “O mito que fascina. Do lobo ao lobishome”, que se celebrarán no mesmo lugar o 16 e 17 de outubro.

Cultura