O mexillón de Cabo de Cruz

O mexillón de Cabo de Cruz

15 de Xullo, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

154 bateas forman a Asociación de Produtores Mexilloeiros de Cabo de Cruz (Asmecruz). Contan cunha central situada en Cabo de Cruz (Boiro) e unha depuradora en Bueu, adquirida en 1986. A entidade pretende obter a certificación IFS (International Food Standard), unha norma de carácter internacional que ten como obxectivo garantir a seguridade da súa marca nos produtos vendidos, así como a transparencia en toda a cadea de subministro.

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou o labor que está a desenvolver a Asociación de Produtores Mexilloeiros de Cabo de Cruz (ASMECRUZ), “sempre apostando pola innovación e a modernización”. Fíxoo no marco da visita ás instalacións da Depuradora en Bueu.

Rosa Quintana salientou os investimentos realizados por ASMECRUZ “co propósito de incrementar a súa produtividade e competitividade e de implementar melloras no eido comercializador a través da investigación”. Cómpre incidir que a Consellería, a través de axudas destinadas á comercialización e transformación, destinou máis de 166.000 euros entre 2010 e 2011 a esta depuradora que factura 12 millóns de euros anuais.

A conselleira, acompañada do secretario xeral do Mar, Juan Maneiro, coñeceu os proxectos de investigación que está a desenvolver esta empresa na actualidade, como o departamento de I+D+i, no que se integra un laboratorio de seguridade alimentaria.

A titular de Medio Rural e do Mar avanzou tamén que en breve se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha ampliación do crédito das axudas destinadas a mellorar a transformación e comercialización “que contribuirán á creación de emprego”. Así, á subvención inicial de 19 millóns de euros, súmase unha ampliación de 32 millóns, co que as axudas ascenderán a 51 millóns de euros.

Antes de percorrer a depuradora en Boiro, a conselleira visitou o peirao de Bueu e mantivo unha xuntanza coa asociación Cons de Udra. Rosa Quintana escoitou inquedanzas do colectivo e coñeceu de primeira man o seu traballo, centrado na elaboración, comercialización e distribución sobre todo de moluscos e peixe fresco.

Sociedade