O Ministerio dá un novo paso para garantir a cotitularidade entre homes e mulleres nas explotacións agrogandeiras

O Ministerio dá un novo paso para garantir a cotitularidade entre homes e mulleres nas explotacións agrogandeiras

15 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

As labregas galegas teñen tantas, ou máis, obrigas que os homes, pero non contan cos seus mesmos dereitos. Unha realidade que se pon de manifesto neste 15 de outubro no que se conmemora o Día Internacional das Mulleres Rurais. A cotitularidade das explotacións, o acceso ás novas tecnoloxías ou a conciliación da vida laboral coa familiar son algunhas das principais reivindicación que as agricultoras e gandeiras queren facer oír nesta xornada.

O Día Internacional das Mulleres Rurais coincide coa publicación no Boletín Oficial do Estado da regularización do rexistro de titularidade compartida das explotacións agrarias. A presidenta en Galicia da Federación de Mujeres Rurales (FADEMUR), Rosa Arcos, asegurou en Radiofusiòn que se trata dunha “gran nova” porque supón “un novo paso cara á normalidade”. Tras esta acción do Goberno central, serán agora as Comunidades Autónomas as que terán que desenvolver os mecanismos que farán posible a cotitularidade. Non obstante, Rosa Arcos entende que, máis aló dos procedementos legais, o máis importante agora é que muden as mentalidades. Argumenta que resulta preciso concienciarse de que en moitos casos as explotacións agrogandeiras son un negocio da parella e, xa que logo, homes e mulleres deben compartir os beneficios administrativos e económicos.

Outros asuntos que preocupan ás agricultores e gandeiras son a necesidade de dotar de servizos ao rural galego, os problemas de acceso ás novas tecnoloxías ou o atraso da aplicación da Lei da Dependencia.

Sociedade