O misterioso recinto do castro de Viladonga

O misterioso recinto do castro de Viladonga

21 de Agosto, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Unha gran construción rectangular no interior do castro de Viladonga mantén o misterio sobre o seu destino orixinal. Tivo moi probablemente un uso comunal e puido servir de lugar de reunión ou ben de almacén ou celeiro. En todo caso trátase dunha estrutura moi singularizada e diferente das outras do castro. A visita ao museo e ao xacemento de Viladonga (Castro de Rei en Lugo) satisfai ao visitante curioso polo noso pasado.

As excavacións do castro de Viladonga comezaron en 1971. As modernas técnicas de datación confirman un asentamento continuado no lugar, importante sobre todo en época tardo-romana, entre os séculos III e V da nosa era. O castro consta de varios recintos de murallas e foxos, que puideron estar relacionadas máis co prestixio e coa delimitación da propiedade, que cun destino defensivo. As construcións indican seguramente dous grupos familiares, integrados por duascentas cincuenta ou trescentas persoas. Ao castro accédese polo Leste, onde a escasa pendente do terreo deu lugar a que se construisen catro murallas. 
Unha cova con lenda propia
No antecastro do Leste vese a entrada dunha cova na que se da un brión de cor verdosa, especie protexida. Esta galería puido practicarse na búsqueda de auga, xa que de momento non se descubreu pozo nen alxibe ningún na croa, pero tamén é moi posible que se trate da boca dunha prospección mineira feita en busca de vetas de seixo aurífero entre a lousa. Esta cova ten asociado un interesante patrimonio inmaterial en forma de lendas ou contos: “… hai unha boca pola que os mouros levaban a beber os cabalos…”, “…a cova do Castro ten a saida en Doncide…”.
Sociedade