O mito de Rosalía

O mito de Rosalía
19 de Febreiro, 2021 - 10:50 h. | Publicada por Radio Fene

Volvemos sobre os estudos de Carvalho Calero arredor da obra de Rosalía de Castro, a poucos dias da conmemoración do Día de Rosalía, coincidindo co aniversario da escritora. Martinho Montero remítenos ao artigo "O mito de Rosalía".

ESCOITA O PODCAST:

O profesor Carvalho Calero foi un devoto declarado de Rosalía de Castro. Volvemos sobre este asunto a poucos dias da conmemoración do aniversario da escritora, o dia 24 de febreiro, para falarmos con Martinho Montero sobre a descuberta do ferrolán na obra de Rosalía. “Carvalho estudou moito a Rosalía. Foi quizás o descubridor da dimensión profunda da obra da escritora” afirma. E trae a colación un artigo fundamental de Carvalho Calero, publicado por primeira vez en La Voz de Galicia e reproducido posteriormente noutros medios, titulado “O mito de Rosalía”. Carvalho viña defender que os verdadeiros mitos son un ben cultural colectivo e que teñen polo tanto un valor positivo. “A Rosalía fíxoa mito o pobo” escribía Carvalho.

En particular sobre “Follas novas” o ferrolán opinaba que non é un libro unitario no sentido de que distingue tres dimensións diferentes, todas valiosísimas. Unha parte lírico-filosófica da alma humana; outra máis social (emigración) e unha terceira poesía costumista (máis achegada a Cantares Gallegos). Un aspecto que se respira en toda a obra rosaliana é a simpatía e a solidariedade co mundo feminino. Carvalho defende que Rosalía é unha autora feminista e humanista. Nese mesmo artigo que nos refire Montero, Carvalho fala dunha visión radical do sentido da vida que expón Rosalía con toda dureza. “Hai, dicía, unha intuición da problemática máis profunda do ser humano”.

 

(Na imaxe, o parque Rosalía de Castro en Fene)

Cultura

Publica o teu comentario agora