O muiño e o camiño

O muiño e o camiño
28 de Decembro, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

O muiño do Redondo é a edificación máis emblemática do camiño do mesmo nome en Magalofes. Foi adquirido e rehabillitado no seu dia polo Concello de Fene. O alcalde Juventino Trigo, e o concelleiro de obras, Manuel Polo, visitaron as obras de mellora do firme que o ente municipal está a executar nese vial, consistentes na mellora e adaptación do firme para incrementar a seguridade e accesibilidade do mesmo. Tal e como estaba contemplado na memoria técnica realizada polo Concello de Fene con carácter previo, para a execución dos traballos levouse a cabo primeiramente unha limpeza das cunetas e pasos salvacunetas, ademais do varrido e limpeza do firme existente, para posteriormente executar unha nova pavimentación, que inclúe unha capa de rodaxe cun espesor medio de 6 centímetros en todo o trazado.

Durante a visita ás obras, o alcalde e o concelleiro de obras revisaron o avance dos traballos, e puideron comprobar in situ a mellora substancial que supón a instalación da nova capa de rodaxe xa instalada nos 800 metros de camiños contemplados nesta actuación. “O camiño do Redondo adoecía de problemas do firme, froito do intenso uso e do desgaste polo paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas, que foron solucionados cun novo aglomerado, mellorando a seguridade para a circulación”, destacou o concelleiro de obras, Manuel Polo, quen tamén avanzou que “a obra entregarase nos próximos días, cando rematen os traballos de instalación da sinalización horizontal correspondentes ao longo do trazado do vial”. Estas actuación que o Concello de Fene está a levar a cabo no Camiño do Redondo están valoradas en 78.772,57 €, e forman parte do plan que a concellaría de obras vén desenvolvendo nos últimos meses para mellorar o estado dos camiños no conxunto das parroquias fenesas.

 

Na imaxe, Juventino Trigo e Manuel Polo no camiño do Redondo. Ao fondo o muiño do mesmo nome, propiedade da Corporación.

Institucional

Publica o teu comentario agora