O mural do ano

O mural do ano
08 de Xaneiro, 2024 - 05:13 h. | Publicada por Radio Fene

Fene aspira a ter o mellor mural pintado no mundo durante o ano 2023. O artista urbano madrileño SFHIR pintou unha muller tocando o violonchelo nunha fachada do edificio número 64 da rúa da Fraga de Fene que opta na primeira edición do Perla Mural Fest que opta a ser o mellor do mundo. Desde o Concello de Fene celebran a candidatura e animan a participar activamente nas votacións.Tamén desde a organización do Perla Mural Fest Ramón Pereira amosaba as súa satisfacción en Radio Fene.

ESCOITA O PODCAST:

"Estamos loquiños, non contábamos con este éxito, a nosa intención era facer un festival de muralismo en homenaxe á Perla". Non poden estar máis felices da repercusión acadada na primeira edición do Perla Mural Fest os organizadores, que animan á participar nas votacións populares. “Estar entre as obras finalistas xa serviu para poñer a Fene no mapa mundial da arte urbana, e agora cómpre facer un esforzo colectivo por conseguir a vitoria”, dí Ángeles Coira, concelleira de Promoción Económica. A obra pintada nun edificio de nove andares de Fene é o mural vertical máis grande da carreira de SFHIR, quen soubo adaptar a forma do edificio -que conta cun pozo de luz- á idea que quería plasmar. Coa noite, cando a veciñanza do edificio acende a luz das escaleiras, ilumínanse os trastes do violonchelo, o que fai que o mural semelle cobrar vida. Estas singularidades levaron a Street Art Cities, a principal plataforma global de arte urbana, a incluír este mural nunha primeira selección de 50 obras internacionais que optan ao recoñecemento de mellor mural do mundo. Agora, nunha segunda fase, será o público quen a través dos seus votos elixirá o mural gañador entre os finalistas.O Perla Mural Fest celebrou a súa primeira edición entre o 7 e o 13 de agosto de 2023. O festival de arte urbano naceu para render homenaxe ao recinto do Perla e o seu legado, como centro cultural icónico de Fene e do conxunto da comarca entre as década dos anos 60 e 80. Durante a súa existencia, o Perla chegou a albergar un cinema, unha cafetaría e até un salón de vodas nos seus últimos anos. O proceso de votación estará aberto até o próximo 31 de xaneiro, e para votar é preciso visitar a web https://streetartcities.com/awards/2023 e clicar no botón “Cast your vote now”. A continuación terase que seleccionar unha obra en cada unha das tres categorías (o mural de Fene compite na primeira), e posteriormente confirmar o voto mediante o correo electrónico.

Sociedade

Publica o teu comentario agora