O Museo Arqueolóxico de Vilalba muda a súa cara

O Museo Arqueolóxico de Vilalba muda a súa cara

16 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A renovación das instalacións do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba é unha realidade. Programada en dúas fases, a primeira, que tivo un orzamento de 4.000 euros, contemplou o cambio dos paneis explicativos e xa está operativa. A segunda se realizará ao longo do 2009, tal como revelou o director do centro, Eduardo Ramil, e permitirá a substitución das actuais vitrinas. Esta modificación conlevar&aacu

A primeira actuación conta coa introdución de 20 novos módulos, que modificarán os seis bloques dos que consta a colección incluída nas dependencias do Museo. Cada un dos paneis terá un maior peso do material gráfico, incorporando mais fotografías e debuxos e simplificando os textos para facilitar, segundo Ramil, “unha comprensión máis sinxela dos procesos e culturas históricas das que damos conta”. Ademais, tamén se incluirán pantallas que aporten un mellor impacto visual e faciliten unha relación mais fluída cos contidos dos bloques.

As imaxes terán relación con pezas que forman parte da exposición permanente e que apareceron en algún municipio da comarca, ademais da evolución das diferentes culturas que existiron na zona. A colocación dos novos paneis será en orde cronolóxica, comezando polo Paleolítico, e seguindo polo Neolítico, Idade de Bronce, Idade de Ferro e a época romana, chegando a ofrecer, aos ollos do espectador, un total de mais de 100 imaxes. “A orde é cronolóxica porque nos museos arqueolóxicos se precisa dunha orde que aporte unha maior comprensibilidade dos procesos históricos á xente. Sen esta columna vertebral sería moi difícil de entender para o publico a evolución dos asentamentos humanos”, estableceu o Director do Museo, Eduardo Ramil.

Como apoio informativo tamén se imprimiron unha serie de folletos, escritos en galego, castelán e inglés, para que os visitantes poidan ter información de man e comprendan mellor os fondos que se amosan no edificio.

Os contidos estarán relacionados coas particularidades de cada período e contan cun guión de cada época. “Os contidos son diferentes en función do guión preestablecido para cada época. As idades mais antigas terán mais datos, porque requiren unha maior explicación ao ser mais descoñecidas”, comentou Ramil.

A nova distribución fará un museo “mais atractivo e lixeiro, mais acorde cos tempos e os intereses dos visitantes. Desde a dirección tentamos buscar unha converxencia co que o noso público nos demanda”, opinou Ramil.

Outra das novidades serán os textos explicativos, que deixarán de estar unicamente en galego e serán bilingües, xa que inclúen escritos en español. A presenza de visitantes non galegos e que non entenden ben o idioma motivou que se dese paso aos textos nas dúas linguas.

Así, a visita ao Museo será mais novidosa, sobre todo se se plasma outra das innovacións, que está moi avanzada. A introdución de datos en reprodutores MP3, nos que cada pista terá unha referencia nos propios paneis, permitirá aos que acudan ao museo vilalbés poder realizar un recorrido polas salas na mesma orde en que están colocadas as pezas nas vitrinas.

Eduardo Ramil tamén adiantou que a segunda fase da renovación buscará cambiar as vitrinas actuais por outras mais cómodas para o visitante, “facilitando unha imaxe mais dinámica”. Un dos obxectivos é que faciliten o acceso informativo ás persoas con falta de mobilidade, polo que poderían ter unha forma de atril. O proxecto firmouse coa actual Xunta de Galicia, á que xa lle enviaron o protocolo de actuación, pero o cambio de goberno pode modificar a situación, aínda que o director do centro amosouse “confiado en que siga adiante”, pola “pequena cuantía das obras”, que ascenderían a 15.000 euros.

Sociedade