O Museo do Humor de Fene volve sorrir

O Museo do Humor de Fene volve sorrir

15 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Museo do Humor de Fene vai dar un paso adiante para convertirse nun referente turístico e dotarse dunha personalidade que ata o momento quedou engulida polo edificio da Casa da Cultura, no que se aloxa. 200.000 €, provintes do Plan estatal de investimento local, servirán para cambiarlle a imaxe, dotalo dun espacio propio e facelo máis divertido.

 O concelleiro de Cultura, Edgar Vigo, falaba esta mañán de desenvolver a idea orixinal de Xaquín Marín, de dotalo de personalidade. Para iso hai que proporcionarlle espacios novos, unha nova luz e sobretodo de facelo interactivo, un lugar onde se poida mirar, pero tamén tocar. 
 A ubicación do Museo do Humor no Camiño Inglés a Compostela favorece que poida convertirse nun atractivo turístico máis a potenciar, xunto ao parque da Galaxia Imaxinaria que está a piques de inaugurarse. O exterior do inmoble da Casa da Cultura tamén se transformará, en coherencia cos cambios que vai experimentar o interior do museo. Quérese presentar unha nova imaxe que non desperte a pena senón a ledicia.

Os cartos antes non daban para máis, agora hai que aproveitar a oportunidade que brindan os 200.000 € do Plan Estatal para mellorar as instalacións deste Museo que é unha idea orixinal en todo o Estado. O estudio do arquitecto Felipe Peña realizou o proxecto e as obras poderían empezar dentro dun mes.    

Sociedade