O Museo do Humor volve sorrir

O Museo do Humor volve sorrir
05 de Xuño, 2020 - 11:20 h. | Publicada por Radio Fene

O Museo do Humor de Fene reabre as súas portas o luns 15 de xuño, á par que a biblioteca municipal. De momento hai que solicitar cita previa para as visitas que tampouco serán guiadas.

As persoas interesadas en visitar a instalación nesta nova etapa deberán solicitar cita previa por teléfono (981 341 415 ou 981 342 400), Whatsapp (607 625 357) ou correo electrónico (museodohumor@fenecidadan.gal), concretando cos responsables municipais unha data e hora para o desenvolvemento da mesma. O horario de atención telefónica para a solicitude de cita previa será de luns a venres, de 9:30 a 14:30 horas, podendo solicitarse as visitas ao Museo do Humor para o seguinte horario: de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas. Unha vez concretada a data, a persoa deberá presentarse con puntualidade, comprometéndose ademáis a non exceder o tempo establecido para a duración da visita. As visitas serán individuais, agás no caso de persoas que convivan na mesma unidade familiar ou unidade de convivencia análoga, que as poderán facer en grupo de non máis de 5 persoas (aconsellándose igualmente manter a distancia de seguridade interpersoal de dous metros entre elas).

Polo de agora, non se realizarán visitas guiadas.

Para o desenvolvemento da visita, establecerase un circuito de sentido único que comezará na Sala dos Premios Curuxas e que concluirá na de Banda Deseñada para garantir, na medida do posible, o distanciamento social entre os visitantes e cos traballadores que en determinado momento poidan ter que acceder a estes espazos. Ademais establecerase unha duración máxima do tempo para cada visita que non poderá exceder dos 90 minutos. Segundo informan dende a Concellería de Cultura, en vísperas da visita, enviarase á persoa solicitante por correo-e ou por whatsapp un documento coas normas hixiénico-sanitarias preventivas a ter conta durante a visita ao Museo do Humor e con algunas explicacións (sobre a historia, organización do Museo, contidos das salas, etc) para facilitar o desenvolvemento da mesma.

Medidas de seguridade e hixiene

Dende a Concellería de Cultura infórmase que, durante as últimas semanas, realizouse unha limpeza e desinfección intensiva da instalación e que, trala reapertura da mesma,  reforzarase o servizo para garantir a seguridade de todas as persoas. Ao acceder á Casa da Cultura, tanto para dirixirse á biblioteca municipal como ao Museo do Humor, facilitarase á veciñanza xel hidroalcohólico para a hixiene das mans. Lémbrase ademáis á veciñanza a obrigatoriedade do uso de mascarilla durante a súa estadía no recinto municipal. Os usuarios ou visitantes deberán gardar en todo momento a distancia de seguridade recomendada, tanto co persoal da Casa da Cultura coma cos outros posibles usuarios da biblioteca ou visitantes do museo. Prohíbese tocar as estanterías, mesas, vitrinas, bancos, espellos e demais mobiliario da instalación.

Cultura

Publica o teu comentario agora