O Nadal máis deportivo

O Nadal tamén ven deportivo en Fene.
18 de Decembro, 2019 - 02:22 h. | Publicada por Radio Fene

A posta en marcha da pista de xeo natural en Perlio abrirá esta fin de semana o Nadal máis deportivo de Fene. Péchao o dia 28 a carreira de San Silvestre. No medio, cursos e obradoiros e o Campanadal.

ESCOITA O PODCAST:

A posta en marcha da pista de xeo natural, probablemente xa este venres, pon en marcha o mecanismo deportivo. O pistoletazo de saída déronno os 468 kilos de alimentos que entregaron as persoas que acudiron o pasado domingo á Exhibición solidaria de baile moderno e bailes de salón na Xunqueira. No mesmo escenario temos o domingo 22 o Festival de Ximnasia Artística no quie participan os clubs de ximnasia Ferrolterra- Fene.

A concelleira de Deportes, Tamara Miragaya, afirma que a pista de xeo natural e a carreira de San Silvestre son a apertura e peche do Nadal Fenés. Sobre a pista de xeo, agarda que remate a súa instalación e se poida disfrutar xa o venres dia 21. Media hora de patinaxe sobre xeo custrá 5 euros, co material necesario incluído así como os monitores que axudarán á práctica deste deporte.

O Concello de Fene lembra que mañá xoves 19 de decembro remata o prazo de inscrición na ampla oferta de actividades deportivas programadas de cara o Nadal. Aínda quedan algunhas prazas vacantes no Campanadal, nos cursos de patinaxe para nenas e nenos e máis no curso de defensa persoal feminina. As persoas interesadas poden inscribirse no pavillón da Xunqueira.

Campanadal para peques. Trátase dun campamento orientado á rapazada no que realizarán actividades variadas: xogos, manualidades, multideporte, baile, música... con contos cheos de maxia, con historias e personaxes propias do Nadal que farán que os nenos e nenas se sintan a gusto, disfruten, compartan, aprendan movéndose e gocen do Nadal. Celebrarase na aula e ximnasio do pavillón da Xunqueira os días 23, 24, 26 e 30 de decembro e os días 2 e 3 de xaneiro. De 10,30 a 13,30 horas. O custe da actividade é de 15,70 euros.

O Concello de Fene tamén programa un curso de patinaxe para nacidos en 2015 e anos anteriores e persoas adultas. Vai desde a iniciación ata técnicas avanzadas. Haberá tres grupos cada hora segundo o nivel. Precísanse patíns, casco, xeonlleiras e muñequeiras. Terán lugar no pavillón da Xunqueira a partir do luns da vindeira semana e ata o venres 3 de xaneiro. Haberá dous grupos, de 11 a 12 e de 12 a 13 horas. O custe é de 6,25 euros. Ademais está o obradoiro de iniciación á defensa persoal feminina, que terá lugar o 26 de decembro de 17 a 19 h, no ximnasio da Casa da Cultura, dirixido a nenas e mulleres maiores de 14 anos, é gratis, con prazas limitadas a 20. Aprenderanse técnicas de golpeo, defensa sobre agarres, e traballo sobre ataques no chan. É preciso levar roupa cómoda e calcetíns. E aínda quedan os Xogos acuáticos na piscina de Centieiras, desde o 23 de decembro ao 7 de xaneiro polas mañás e para todas as idades.

A carreira de San Silvestre será o dia 28, con saída ás catro e media da tarde da Casa do Concello. Agarda Tamara Miragaya que a xente se anime a disfrazarse ou levar algún detalle de Nadal.

Deportes

Publica o teu comentario agora