O outro Greco de Lemos

O outro Greco de Lemos
01 de Abril, 2021 - 11:00 h. | Publicada por Radio Monforte

O Greco pinta o “San Francisco” en 1609, cinco anos antes da súa morte. Tres millóns de ollos contemplaron a pintura no último lustro xa que se incluíu na exposición do cuarto centenario da súa morte (Toledo,2014. Un millón de visitantes) e tamén nunha mostra sobre o pintor celebrada en Xapón (medio millón de visitantes). A pinacoteca do Colexio dos Escolapios de Monforte, coas dúas obras do Greco, (o San Francisco e o San Anselmo) abre ao público todos os días.

San Francisco de Asís. Greco

Doménico Theotocópuli “O Greco” naceu en Creta en 1541. De mozo vai a Venecia onde aprende con Veronese, Tintoretto e Tiziano. Tamén coñece Roma e alí contempla as obras de Rafael e Miguel Angel. Marcha logo á cosmopolita cidade de Toledo. Non logra entrar na corte de Felipe II pero o éxito do Enterro do señor de Orgaz elevou a súa cotización e suscitou a admiración popular. Amosa especial afecto por San Francisco de Asís, de quen realizou máis dun cento de versións. As figuras alargadas do Greco como torres maxestosas e abstractas, álzanse nun movemento impregnado dunha harmonía de cores tan violenta e audaz que non volveu a repetirse.Na súa última etapa humaniza as figuras dos santos e acentúa a sobriedade da súa técnica en temas mitolóxicos e paisaxes naturais. Sorprenden e desconcertan os fortes contrastes de luz. Morre o 7 de abril de 1614.

GÓMEZ MARDONES, INMACULADA. El Greco. Sarpe, Madrid, 1979.

Seguro que che interesa
Cultura

Publica o teu comentario agora