O pórtico, símbolo dunha comarca

O pórtico, símbolo dunha comarca

04 de Xaneiro, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O dique número 2 de Astano, de 255 metros de manga por 38 de eslora e capacidade para 80.000 toneladas de peso morto, comeza a escavarse en 1966. A empresa e o goberno asinan en 1968 un acordo para levantar o guindastre – pórtico, que se convertiría co tempo no emblema e símbolo do estaleiro de Perlío. Ten 74,5 metros de altura baixo viga, 145 metros de luz e 800 toneladas de capacidade. Por debaixo dela podería pasar a fachada da catedral de San

No ano 1968 a empresa contaba xa con 3.140 empregados e especialízase nos petroleiros de maior tamaño do mundo. O “Ceuta” (95.000 toneladas) “Santander” (98.000) “Móstoles” (103.000) e o “Playa de Riazor” (103.000) supoñen un adianto do que virá despois.Astano entra en novos mercados, como o dos metaneiros, e en 1970 entrega o “Laieta” primeiro barco realizado na península ibérica dedicado a trasladar gas natural licuado. Precisaba unha tecnoloxía específica para as delicadas condicións de transporte do metano, gas que require temperaturas crioxénicas de -184ºC.

    En 1969 acométese a construción dos talleres de bloques planos e curvos que, andando o tempo, se convertirán no lugar de celebración de multitudinarias asembleas de traballadores.

    Os magníficos logros profisionais de Astano non se traduciron en bos resultados económicos. Xa entre 1962 e 1968 acéptanse contratos a prezo fixo e con penalizacións por demora. O retraso en recibir materiais, alzas de prezos nos abastecementos e o incumprimento dalguns armadores españois, provocaron perdas considerables á empresa. En 1969 asinouse un contrato coa Gulf norteamericana tan axustado que, a pesar de cumprir os prazos, os beneficios foron moi reducidos.

    A recesión xa se adiviña en 1971. A inflación en Europa provoca un aumento nos custos, devalúase a peseta e increméntanse os prezos. O consello de ministros obriga ao Instituto Nacional de Industria a entrar en Astano no verán de 1971 malia os informes técnicos desfavorables. O INI fíxose cargo do 60% das accións, pasando a ser o socio maioritario do estaleiro.  A situación económica empeora en 1973, cando estoupa a crise do petróleo e desaparecen o encargos de grandes petroleiros.

    O “Arteaga”

    O dique número 2 inauguróuse en 1972. Ese ano lánzase ao mar o Arteaga, de 325.000 toneladas, encargado por Petronor. Polas dimensións do barco, a perigosa e complicada botadura constituiu un fito na historia da construción naval mundial. De toda Europa, Chile e Xapón viñeron técnicos para observar a manobra. O risco radicaba no enorme peso e dimensións do buque e polo tanto na velocidade que podía alcanzar na grada. Podía partirse ao entrar en contacto coa auga ou encallar no fondo da ría. A impecable botadura incrementou o prestixio de Astano nos estaleiros dos cinco continentes, convertíndose en símbolo de profesionalidade e do bó facer dos seus operarios.

    O record do Arteaga bateuse en Astano. O “Santa María” con 365 .000 toneladas lanzouse ao mar dende a grada inclinada, en 1975. Pero a desaparición dese tipo de encargos agrava a situación financieira da empresa. Os informes de 1979 a 1980 xa propuñan a posibilidade de introducirse no sector off-shore, pero iso requería un forte investimento en tecnoloxía punteira. Non se deu ese paso e a actuación comercial dirixiuse á renovación de grandes barcos. Fixéronse varios contratos de grandes reformas pero iso non solucionou o balanzo de perdas.

    Levóuse a cabo entón a “operación acordeón” . A xunta de accionistas acorda reducir o capital social a cero, destínanse as accións do INI (60%) a cubrir perdas e amplíase logo o capital a 3.500 millóns de pesetas, cantidade subscrita na súa totalidade polo Instituto, que se convirte en único propietario.

    Corea do Sur incorpórase ao mercado da construcción naval en 1980 e no ano seguinte o Parlamento Europeo aproba a V Directiva, que marca a reducción da producción cun programa de despece e diversificación, de homoxeneización á baixa das axudas ao sector, plans de reorganización a fondo e, a curto prazo, a eliminación das axudas gubernamentais e europeas.

    España estaba negociando a entrada na Comunidade Económica Europea e Bruxelas esixe unha redución drástica da capacidade dos estaleiros españois. O 3 de novembro de 1983 o presidente da división de construción naval do INI, Pedro Sancho, anunciou o “posible peche de Astano” o que xera unha onda de indignación en Ferrolterra e no conxunto de Galicia.     

    Dende 1980, ano da contratación do bulkarrier Atara (NC-263), pasaron cinco anos sen ningun contrato ata o do bulcarrier El Dorado (NC 265) que se convertiría no último buque propiamente dito, contratado por Astano en 1985. Nese mesmo ano e dentro do mercado off-shore constrúese a plataforma Drillmar 1, con seis anos de retraso  sobre   as recomendacións dos informes técnicos.
    
    As instalacións da factoria de Perlío son, á altura de 1986, das máis completas de Europa e as mellores do Estado español. Estaban orientadas á construción de naves de grande tonelaxe, reparación de buques, fabricación de tubarias e módulos, de motores auxiliares diesel con licencia de MAN e algo de fundición e mecanizado de pezas.

    Xa no sector off-shore, a “Discoverer Enterprise” funcionará en 1998 como un emblema do alto nivel profisional da factoria ao tratarse da maior unidade de perforación do mundo. Os prazos de entrega cumpríronse e a armadora recibiu a nave dentro do tempo previsto. En xullo do ano 2000 rematou a carreira en solitario desta emblemática factoria. Xunto coa empresa nacional Bazán, entra a formar parte de Izar.

(Fragmento do libro "Perlío no pasado" de María Xesús Arias e Henrique Sanfiz.

Sociedade