O pan de Ferrol

O pan de Ferrol

04 de Xaneiro, 2014 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A conversión da vila de Ferrol nun centro urbano de primeira magnitude veu da man da construción na súa rada, das impoñentes instalacións bélico-industriais auspiciadas pola Coroa no marco da súa política de reactivación naval no século XVIII. A nova poboación demandaba toda caste de produtos pero, fundamentalmente, a fabricación de pan, elemento capital para afianzar a calma social. As nefastas comunicacións terrestr

Comerciantes franceses con experiencia no sector construiron en Xuvia grandes muiños ou fábricas de fariñas, con pedras de pedernal que incrementaron a súa produción dun xeito importante, con respeito aos muiños tradicionais galegos. Juan Lestache na ponte de Xubia (1775) e Lembeye e Beaujardin en Freixeiro (1785) construiron as novas factorias, acompañadas de grandes almacéns que permitían o acopio do cereal e o estibamento da fariña. Só os muiños de Lestache procesaban ao ano máis de 240.000 ferrados de gran ao ano, fronte aos 10.000 ferrados que nese mesmo período moían os 9 muiños situados río arriba. 
Un militar liberal veu as oportunidades comerciais e estableceu en Perlío unha factoría similar ás impulsadas polos franceses á outra banda da ría. Tiña duas pedras das novas características, fronte ás catro instaladas na fábrica de Lestache. Arrendou á parroquia uns terreos na ribeira, onde constrúe vivenda e almacén de grandes dimensións para facer rendible a explotación. 
O comandante do navío San Agustín, capitán de fragata da Armada Juan de Villavicencio y Puga construiu unha fábrica de fariña en Perlío en 1787. O lugar denominábase daquela “a Fraga do Conde” ou o “Ameneiral” e segundo afirma na solicitude “é todo un pantano”. Tratábase dunha fábrica “descoñecida en España pero moi usual en Francia”. 
A Xunta Xeral de Comercio, Moeda e Minas da Coruña ordenoulle ao alcalde maior de Ferrol que se facilitara o establecemento de Villavicencio, “cos terreos que lle faltan para completar a fábrica”. Segundo o promotor, o obxectivo da nova instalación, era favorecer “a pronta provisión que necesite de fariñas para o Exército, na vila de Neda, para a marina na praza de Ferrol e para o vecindario da circunferencia da citada freguesía, maiormente nos veráns, que teñen que ir moer a legua e media de distancia, e aínda os donos dos muíños actuais non poden abastecer as súas casas”.Tamén sinalaba “que sendo o sitio pantanoso e intransitable, fixo constrúir un camiño perfecto por todo o interior da freguesía e costeaba outro, que entra nunha xunqueira, da que sacan os veciños o esterco para as súas terras e por onde conducen a uva e transitan para varios terreos e labradíos, a cuxa paraxe han chegar por mar, os cargamentos de grao e pola cal se conducen tamén os materiais para a obra”. Solicitou igualmente as exencións como teñen “outras fábricas similares” e que se obrigara ao veciño Juan Vizoso, a vender ou permutar un terreo, que se consideraba necesario para a fábrica de fariñas. 
A citada xunta ordenou ao alcalde maior de Ferrol que se lle facilitase a terra, “xa sexa por cambio equivalente, ou a xusta tasación de peritos, pero sempre sen  violencia nin agravio algún dos donos”. Manifestábase tamén que polo de agora “non se lle concederán outras grazas, nin teñen algunhas sinaladas as fábricas desta caste”.
Axiña xurdiron os problemas con Gerónimo López, que posuía un muiño máis abaixo, xa que Villavicencio o acusou de facer “represar as augas á parte de arriba da miña fábrica, e provocar que as moas se empiagasen, como se ve palpablemente polo retroceso, que fai a auga”. Indicaba o capitán que “como naquel paraxe son frecuentes as crecidas por ser baixo, traen moita lama, entulle a presa e o espresado cano”.
Queixábase Villavicencio do mal estado do Camiño Real que de Neda vai a Pontedeume, que é o que utilizan “as postas cando veñen ao departamento e atopan no Seixo a mar alborotada, é camiño preciso para Redes, Mugardos, Ares, Pontedeume e outra partes, que van de toda a parte de Neda”. 
O pleito entre a fábrica de fariñas e a veciñanza de Perlío fixo que o alcalde maior de Ferrol enviara á zona a dous peritos, os mestres de obras Antonio Fontenla e Agustín de Soto, para recoñecer os muiños, os camiños e o río o trece de decembro de 1787.  Suliñan que " ...o Camiño Real está intransitable e pantanoso, polo cal deben precisamente transitar os acarreamentos de viña, grao e fariña para a provisión da Marina e do Exercito”. Dician os peritos que “contribue moitísimo á imperfección do referido Camiño Real e ao seu deterioro a presa dun muiño pertencente a Gerónimo López, da citada vecindade de Perlío, por estar mal e na nai do rio, a cal é tanto máis perxudicial á nova fábrica por rexeitar as augas arriba”. Os peritos mandaron que o conxunto da parroquia financie a reparación e que Gerónimo López realizara un parapeto, unha tapacuña de calicanto, e unha modificación da canle do seu muíño, “debéndose limpar anualmente”.
Villavicencio traspasa a fábrica de fariñas e o almacén, e en 1806 aparece cotizando polo foro da Xunqueira o panadeiro de orixe francesa, residente en Ferrol, Juan Valás. En 1826, os herdeiros de Juan Valás, o Carrón, non pagan á parroquia a cantidade acordada e ofrecen o almacén, xa sen utilidade, segundo se explica no libro "Perlío no pasado".
 
Sociedade