O Parlamento Galego aproba a urxente iluminación da Muralla de Lugo

O Parlamento Galego aproba a urxente iluminación da Muralla de Lugo

03 de Abril, 2013 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Parlamento Galego aproba por unanimidade unha proposta para que a Xunta proceda á instalación urxente de luminarias no adarve da Muralla de Lugo. O voto favorable do Grupo Popular permitiu aprobar esta proposición que tamén solicita do Concello de Lugo a súa implicación na vixilancia e na garantia de seguridade do monumento.

 

O Parlamento galego aprobou unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta de Galicia, como administración que ten as competencias absolutas, a proceder de inmediato á instalación de luminarias no adarve da Muralla de Lugo, así como a solicitar do Concello de Lugo a súa implicación na vixilancia e na garantía da súa seguridade.

O portavoz de Cultura do Grupo Popular, Agustín Baamonde, salientou que “todos coincidimos no feito de que a Muralla de Lugo é unha das xoias máis prezadas do patrimonio histórico e cultural de Galicia, polo que todos os esforzos que se fagan por mellorala e garantir a súa conservación son necesarios e están plenamente xustificados”.

Neste sentido, Baamonde indicou que “a iluminación da Muralla é un tema que debe ser resolto coma máxima axilidade, tanto pola súa condición de patrimonio da humanidade como para reparar os efectos dos actos vandálicos provocados neste ben cultural” e apuntou que “a Xunta xa está a traballar nun proxecto para a nova iluminación da Muralla, no que se toman en consideración criterios de maior durabilidade e resistencia, prevención para o roubo, eficiencia enerxética e menor custo de mantemento”.

“A culpa téñena os vándalos, que non son capaces de respectar o que representa a Muralla non só para Lugo senón para toda Galicia”, subliñou o portavoz popular, quen recordou que “a labor de vixilancia correspóndelle ao Concello de Lugo, polo que é necesario solicitar a súa implicación para garantir a seguridade neste monumento”.

Sociedade