O parque empresarial de Arzúa disporá de banda larga de acceso a internet sen fíos antes do próximo verán

O parque empresarial de Arzúa disporá de banda larga de acceso a internet sen fíos antes do próximo verán

26 de Novembro, 2008 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O primeiro tenente de Alcalde do Concello de Arzúa, Leonardo Bermúdez, desprazouse ata a Delegación da Consellería de Innovación e Industria para asinar un convenio de colaboración entre a Fundación para o Fomento de Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e o Concello de Arzúa que permitirá o desenvolvemento dunha rede de telecomunicacións sen fíos de acceso a internet de banda larga no parque

A sinatura deste acordo é o punto inicial de cara a que os empresarios instalados no parque empresarial de Arzúa dispoñan antes do vindeiro mes de xuño de 2009 da posibilidade de acceder a internet mediante banda larga, o que vai permitir en palabras de Leonardo Bermúdez, "salvar moitos obstáculos de cara á xeración de riqueza e ao alcance de maior benestar social por parte do sector empresarial arzuá".

Mediante esta iniciativa o Concello de Arzúa aposta firmemente polo desenvolvemento da información e pola posibilidade de extender a banda larga a todos os sectores sociais e económicos posibles de xeito que, tal como sinalou Leonardo Bermúdez, "se poida contribuir a que as empresas sexan máis produtivas e competitivas ao tempo que se acada unha maior igualdade social, cohesión territorial e mellor calidade de vida".

Arzúa convértese así nun dos contados concellos galegos que en meses contará cunha plataforma que fará realidade un dos obxectivos do equipo de goberno, que dende un primeiro momento amosou o seu interese por esta iniciativa e se preocupou por levar a bo fin todos os trámites que permitiron que a Consellería de Innovación e Industria seleccionara a Arzúa como punto de referencia de cara ao desenvolvemento da sociedade da información na comunidade galega.

Para que a formalización do convenio fora posible o Concello de Arzúa puxo a disposición da Consellería un espazo, dentro dunha parcela de titularidade pública do parque empresarial, de 5x7 metros con subministro de rede eléctrica e na que se colocará unha estación base, antenas e o armario rack. Ademais, durante o período de vixencia do proxecto cederanse todos os terreos necesarios, con usos urbanísticos, para a normal execución das obras así como os correspondentes permisos e autorizacións necesarias para levar a cabo a mesma.

Sociedade