O persoal de confianza da Xunta custa 7 millóns anuais, segundo o PSdeG

O persoal de confianza da Xunta custa 7 millóns anuais, segundo o PSdeG

04 de Agosto, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

As nóminas do persoal eventual dos gabinetes da Xunta de Galicia e dos asesores do departamento de Alberto Núñez Feijoo alcanzan os 7 millóns de euros anuais, segundo a denuncia do PSdeG PSOE, citando os orzamentos xerais da administración autonómica. No conxunto da lexislatura os citados gastos superan os 28 millóns de euros, cantidade apuntada esta semana polo xornal ourensán La Región.

A proposta presentada polo líder dos socialistas galegos Pachi Vázquez consiste na redución salarial de todos os deputados até conseguir o mesmo aforro que coa diminución de 14 escanos, co que non se vería afectada a calidade democrática do país'. Con esta medida conseguiríanse a redución nos custos do millón de euros pretendido, pero o PSdeG vai máis aló, xa que tamén propón a equiparación salarial da presidencia do Parlamento e dos membros da Mesa da Cámara galega aos demais deputados. De chegar a aplicarse, o aforro calculado é de 200.000 euros ao ano e 800.000 na lexislatura. 'Non é normal que o presidente do Parlamento teña un salario de 108.000 euros ao ano', sinalou Vázquez. O resto dos membros da Mesa, son cinco, perciben un salario duns 95.000 euros mentres que cada deputado cobra algo menos de 58.000 euros.

O PSdeG PSOE propón ao Goberno galego reducir o número de asesores de Presidencia da Xunta 'de 46 a 15, co que os custos baixarían 1,5 millóns cada ano'. Actualmente os asesores do departamento de Feijóo custan aos galegos 2,3 millóns. Respecto dos cargos nomeados a dedo das consellerías, o PSdeG pretende que se reduzan 'de 95 a 32' para aforrar 'outros 3,2 millóns ao ano'. Segundo os orzamentos da Consellería de Facenda, as nóminas do persoal eventual dos gabinetes supoñen 4,7 millóns ao ano ás arcas galegas, aos que hai que sumar os 2,3 dos asesores do departamento de Feijóo.

Ademais, o líder do PSdeG suxire 'pechar o palacete que dispón a Xunta en Madrid, cun aforro adicional de 500.000 euros ao ano'. Nun duro discurso, Pachi Vázquez, sinalou respecto da intención de recortar deputados, que 'é incrible que o principal inimigo de Galicia viva en Monte Pío e sexa o presidente da Xunta, e que chegase onde non se atreveron nin Albor nin Fraga nin Touriño, "xa que Feijóo traizoa a Galicia facendo trampas".

Sociedade