O pintor Lazcano e o escultor Estevez expoñen conxuntamente en Madrid

O pintor Lazcano e o escultor Estevez expoñen conxuntamente en Madrid

03 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

Estes dous artistas galegos, iguais por orixe, afán investigador, coherencia e distintos na súa proxección artística, inaugurarán hoxe, 3 de marzo, ás 20:00 horas, una exposición conxunta na Casa de Galicia en Madrid. A mostra poderá visitarse ata o venres, 27 de marzo.


JUAN MANUEL LAZCANO

Nacido en Pontevedra en 1947, comeza a pintar a principios dos 80. Trala súa primeira exposición en Coimbra, Portugal, en 1992, veu expoñendo ininterrompidamente en Galicia, Portugal e Madrid. Colabora con ilustracións e reproducións dos seus cadros en diversas publicacións. Participa dende 1994 en numerosas exposicións colectivas. A súa obra figura en coleccións particulares en Portugal, Francia, Inglaterra e España e en diversas salas e institucións nas que expuxo. Na actualidade colabora permanentemente coa Galería Star en Madrid.


LUIS ESTÉVEZ

As obras de Luis Estévez, nacido en Pereira-Entrimo, Ourense, 1952, conseguen recordar os pétreos moáis da illa de Pascua. Madeiras e pedras, materias nas que traballa preferentemente, teñen pegadas de esculturas arcaicas pre-cristinas. Ao combinar formas naturais con outras abstractas nalgún caso a pedra da obra rememora parte da masa da Victoria de Samotracia ao igual que outros traballos evocan esculturas escandinavas dos séculos IX e X. De xeito permanente preténdese a talla do berro e a figura feminina é exemplar. Explica que intenta expresar dor ou asombro que transcenda da substancia con que se fabrican os soños. O nome das obras é a materia de que están feitas, as súas medidas e o ano de realización. Declara ambicionar pezas maiores nas que poida manifestar e envorcar con maior forza a expresión.

Tan iguais e tan distintos. Iguais por orixe, afán investigador, honradez estética, coherencia e humildade artística. Distintos na proxección, con respostas doridas ou entusiastas que se manifestan na busca de esculpir o berro e o estupor ou o encontro e o gozo da música das cores.

CASA DE GALICIA R/Casado del Alisal, 8 - 28014 Madrid | Tlf.:91 595.42.00

Horario: de 10 a 14 e de 16 a 20 horas. Festivos: de 10 a 14 horas.

 

Sociedade