O pleno das reprobacións

O Pleno de Fene reúnese o xoves dia 5 de decembro ás 18:00 horas
04 de Decembro, 2019 - 02:13 h. | Publicada por Radio Fene

Dúas mocións de reprobación do alcalde de Fene, presentará a oposición no pleno ordinario do xoves dia 5 de decembro. Á moción, presentada con carácter de urxencia, do BNG-EU, hai que engadir a que presentará tamén o PSOE.

ESCOITA O PODCAST:

“Desde o inicio do presente mandato observamos con preocupación como o goberno municipal está paralizado, actúa errático e sen dirección”. Estas son palabras de Juventino Trigo na moción de reprobación do goberno do PP, que presentará xunto con EU mañá no pleno, paralela á que presentará o PSOE. Os grupos municipais do BNG e do Grupo Mixto EU-IU entenden que o alcalde debe dar exemplo, ter unha conduta ao nivel do cargo que ostenta e non antepor os intereses persoais aos da institución á que representa. Non entende o portavoz do BNG que Galego dimita do seu partido e non dimita da alcaldía.

Todo é factible” afirmou a voceira do PSOE de Fene Mar Piñeiro sobre a posibilidade da presentación dunha moción de censura. Para Mar Piñeiro, "a condena do alcalde por un delito de seguridade vial, é incompatible coa exemplaridade que se lle ten que esixir a un cargo público". Os socialistas anunciaron que debaterán as posibles alternativas nunha asemblea extraordinaria do PSOE local que se convocará proximamente.

As dúas mocións da oposición están incluídas na orde do dia do pleno que a corporación fenesa celebra mañá xoves ás seis da tarde. A sesión recolle outra moción do grupo socialista sobre o deterioro da antena de radioafeccionados Alfa Charly así como un punto de rogos e preguntas.

(Na imaxe, de esquerda a dereita: Trigo, Martínez, Galego e Piñeiro)

Institucional

Publica o teu comentario agora