O pobo máis polbeiro do planeta

O pobo máis polbeiro do planeta
11 de Marzo, 2019 - 09:07 h. | Publicada por

O polbo é o animal totémico de Galicia, en palabras do médico e ensaísta Rof Carballo. Para Álvaro Cunqueiro, "somos o pobo máis polbeiro do planeta, o que máis o comemos e o que mellor o preparamos". O máis habitual é o polbo á feira, cocido e adubado con aceite, pemento e sal.

Polbo á venda na Praza de Lugo da Coruña

O primeiro rexistro escrito acerca do polbo remóntanos ao século XII. Un cabaleiro dos Moscoso, da casa de Altamira, cédelle os dereitos de pesca no priorado de Marín ao mosteiro de Oseira. Os mariñeiros páganlles as rendas aos frades en polbo. Para conservalo, sécano ao ar: é o polbo chamado, de media cura, cecia ou seco. Os monxes véndeno nas feiras próximas, especialmente na do Carballiño, e de aí vén a tradición de venda e consumo deste produto nesa comarca de Ourense.

O polbo do Carballiño da lugar a unha das festas gastronómicas máis multitudinarias de Galicia, a Festa do Polbo, na primeira quincena de agosto.

Cando Fernán Pérez de Andrade o Bó mandou facer a ermida de Chanteiro en Ares no ano 1404, os obreiros xantaban polbo. De aquí  ven o polbo á mugardesa, ainda que as patacas e os pementos chegaron despois.

Cunqueiro dicía que o polbo á feira, o da media cura, tiña o seu límite en Vilalba. Na zona máis costeira o polbo ponse guisado, coas variantes de Mugardos ou da illa de Arousa.

O polbo cócese en auga fervendo, meténdoo tres ou catro veces para que non dea a pel. Cócese con auga soa, sen sal, que o colle mellor do gordo fora da pota. Ten que estar un pouco duro, ao dente, cortado sempre con tesoira e, xa no prato de madeira, bótaselle sal gordo, unha mestura de pemento en po doce, e un pouco de picante, e aceite varrendo a auga.

O polbo é un animal agarimoso, ten tres corazóns e oito brazos, con dúas fileiras de ventosas cada un. Como dicía Luis Villaverde, galego emigrado a Arxentina, autor de Mariscos de Galicia: O polbo non ten ósos nin espiñas, nin cascas, nin tona, nin carabuñas. ¡Todo é carne! ¡E que carne!

Sociedade

Publica o teu comentario agora