O poder da palabra

O poder da palabra
08 de Agosto, 2019 - 09:14 h. | Publicada por Radio Fene

O primeiro discurso público en idioma galego do que se ten constancia escrita pronúnciase en Pontedeume. Foi o 8 de agosto de 1891 no acto de inauguración do comité local da Asociación Rexionalista Galega. Pronunciou as palabras o escritor, xornalista e mestre Galo Salinas. Comeza a oratoria pública en galego.  Era unha sociedade de saber, tradición, transmisión e relación oral. Era o poder da palabra, segundo o biógrafo de Castelao, Miguel Anxo Seixas.

Pontedeume. Agosto 2019

Galo Salinas, despois de emigrar a Uruguai, estableceuse en Pontedeume en 1876. Impartía clases nunha escola da localidade. O discurso de Galo Salinas pronunciouse no acto inaugural da Asociación Rexionalista que presidía o mesmo Salinas. No acto un orfeón cantou o Himno a Pontedeume, con letra galega de Salinas e música de Eduardo Pita.  Despois da lectura de poesías, a velada rematou cun baile. Segundo o Diario de Avisos da Coruña, o acto resultou brillante. Salinas merecía un fraternal abrazo, “como galegos entusiastas que somos por todo o que tende a enaltecer o bo nome de Galicia”, segundo indicaba o semanario El Obrero de Pontevedra. Galo Salinas naceu na Coruña en 1852 e morreu na mesma cidade en 1926. Foi un prolífico escritor teatral e activo galeguista.
Asociación Rexionalista Galega
Trátase da primeira organización política exclusivamente galega, segundo os historiadores Xusto Beramendi e Xoán Manuel Núñez. Créase en 1890 e supón un salto cualitativo para o galeguismo. Conflúen todas as tendencias na asociación formada en Santiago en novembro de 1890 so a presidencia de Manuel Murguía. Nos meses seguintes fórmanse comités locais por todo o país. O programa da Asociación, inevitabelmente vago para que puidese ser asumido por uns e outros, situase na liña galeguizadora, descentralizadora e anticaciquil. Publica a revista La Patria Gallega, presenta candidatura en Santiago ás eleccións municipais de 1891, esforzase no traslado dos restos de Rosalía de Castro a Santiago e organiza os Xogos Florais de Tui. Incorpóranse á protesta polo traslado da Capitanía Xeral da Coruña fora de Galicia. Ao remate conseguen a permanencia da Capitanía.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora