O PP faise coa alcaldía de Boimorto co apoio dun tránsfuga

O PP faise coa alcaldía de Boimorto co apoio dun tránsfuga

14 de Agosto, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

O Partido Popular fíxose esta mañá coa alcaldía de Boimorto, grazas ao voto favorable dun concelleiro que fora elexido nas listas do PSdeG PSOE. O xa ex-alcalde, Xosé Luis Rivas (Mini) do Bloque Nacionalista Galego calificou a moción de censura como "golpe á democracia" e afirmou que a maioría da cidadanía da localidade respaldara nas urnas hai só tres meses ao goberno de nacionalistas e socialistas.

Nun salón de plenos ateigado pola veciñanza que quixo amosar o seu apoio ao que até hoxe era alcalde do Concello de Boimorto, o Partido Popular --da man do número 3 do PSOE nas municipais-- executaron unha moción de censura contra Xosé Luís Rivas, Mini.

Trátase da primeira moción desde que o pasado 24 de maio decorreran as eleccións e semanas despois de que o edil non adscrito mais candidato polo PSdeG-PSOE, José Balado, apoiase o acordo de goberno que outorgou a alcaldía do goberno local ao concelleiro do Bloque.

O candidato do Partido Popular, Gonzalo Concheiro, xustificou na súa intervención a moción asegurando que a súa fora a candidatura máis vota con 687 votos. Porén, desde as bancadas do público o que se escoitaban eran berros contra o transfuguismo.

E é que José Balado argüíu o seu cambio político a un presunto "erro" no acordo de goberno asinado polo BNG e o PSOE. Pola súa banda, ambas as dúas formacións denuncian o "transfuguismo" de Balado e a "fraude de lei" que suporía, nese senso, a moción de censura.

Así o expresou o propio Rivas e a voceira do Bloque en Boimorto, Raquel Val. Desde a organización frontista xa avanzaron que esgotarán todas as vías xurídicas para invalidar a moción que tildan de "golpe á democracia".

O xa ex-alcalde nacionalista, Xosé Luís Rivas, estivo arroupado non só por veciñanza de Boimorto senón tamén por representantes da executiva do BNG a comezar polo portavoz, Xavier Vence; Bieito Lobeira e Ana Miranda. Tamén pola vice-presidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o seu compañeiro musical, Baldomero Iglesias, Mero.

Sociedade