O PP gaña tamén en Ferrol

O PP gaña tamén en Ferrol

02 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Tres candidatos ferroláns acceden ao Pazo do Horreo o próximo 1 de abril cando se abra a nova lexislatura galega. Os resultados acadados polas forzas políticas nas eleccións autonómicas levarán ao Parlamento a Diego Calvo e Natalia Barros, do PP, e a Beatriz Sestayo, do PSOE. Queda fóra do Parlamento o representante que tiña o BNG, Fernando Blanco Parga. 

Ferrol déulle o triunfo ao PP co 41,3% dos votos na xornada electoral do 1 de marzo. Aínda así os populares acusaron un lixeiro descenso fronte aos resultados de hai catro anos, cando obtiveran case un punto máis.

O PP acadou 15.790 votos. O PSOE, 12.220, o que supón o 32% dos sufraxios, cifra sensiblemente inferior á de 2005, do 33,27% .Pero foi o  BNG  quen máis perdeu onte en Ferrol. Obtivo o 11,5% dos votos, perdendo con respecto a 2005, ata 6 puntos. Xusto a porcentaxe que se levou a nova forza política no escenario electoral autonómico, Terra Galega, que arramplou co 7,5% dos votos, o que se traduce en 2.867. Outro novo no escenario electoral, Unión Progreso y Democracia, sacou o 1,43%. Moi similar a EU que baixou un punto, quedándose co 1,86%.En Ferrol a abstención chegou ao 38,66% practicamente a mesma do 2005. 

Cos resultados acadados na xornada electoral, o PP da comarca levará ao Horreo a dous deputados: Natalia Barros e Diego Calvo. Este último destacou en Radiofusión a campaña excepcional desenvolvida polos populares e que, como quedou patente, "chegou á xente".

Beatriz Sestayo será a deputada comarcal do PSOE. Para ela a clave da derrota do bipartito estivo en que, a pesar de levar a cabo moitos novos proxectos, os socialistas "non soubemos" explicalos á cidadanía.

Non recuncará no Parlamento Galego o deputado do BNG Fernando Blanco Parga quen recoñeceu a derrota dos nacionalistas, a pouca fiabilidade dos enquéritos e manifestou que “a realidade é a que impera”.

Institucional