O primeiro centro especializado de danza galego, en Narón

O primeiro centro especializado de danza galego, en Narón

19 de Outubro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Padroado de Cultura de Narón (A Coruña) estrea este curso o primeiro centro especializado de danza de toda Galicia. Trátase da segunda institución de formación cultural do concello naronés, tras a escola de teatro. As clases arrincan esta tarde con 30 alumnos, a maioría pertencentes á comarca de Ferrolterra e que contan con certa experiencia no mundo artístico.

Cristina Montero dirixe este pioneiro proxecto. Comezarase cun nivel de acceso e un primeiro curso. No de acceso ofrecerase unha visión xeral da danza mentres que o  primeiro curso será máis específico. Máis adiante creáranse dous cursos máis.

O curso de acceso terá unha duración de  tres horas semanais divididas en dúas sesións dunha hora e media. Os alumnos de primeiro curso asistirán a sete horas semanais de clases nas que se inclúe adestramento físico, creación e interpretación. Cristina Montero explicou que « se fará unha experiencia ponte entre a escola de danza e a de teatro». 

Na sesión inaugural desta tarde acudirá unha convidada de excepción, a bailarina e coreógrafa Maruxa Calas.

Ademais de Montero, o profesorado fórmase por Rut Balbís, da compañía Pisando Ovos e Flor Maceiras. Tamén se desenvolverán cursos intensivos e máster class con coreógrafos que visiten Narón e sobre temáticas pouco traballadas ata o momento na danza en Galicia.

Cultura