O PSdeG defende a pervivencia dos estaleiros de ribeira

O PSdeG defende a pervivencia dos estaleiros de ribeira

07 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, vén de rexistrar unha proposición no Parlamento para facilitar a pervivencia dos estaleiros de ribeira, e con elo a “preservación da nosa tradición histórica e cultural, e a preservación da actividade destes centros”. A deputada solicita o establecemento de bonificacións fiscais para a adquisición, mantemento e amarre de embarcacións tradicionais

Soneira tamén demanda a creación de programas e accións que faciliten a actividade, a investigación e a pervivencia dos estaleiros de ribeira como centros de traballo, etnográficos, culturais e dinamizadores locais. Ademais, pide a incorporaración dos estaleiros de ribeira a rede de museos da Comunidade Autónoma e os programas de formación en centros de traballo dos correspondentes ciclos de formación profesional. 

A parlamentaria sinala. na iniciativa rexistrada, que “nas nosas rías aínda quedan pequenos estaleiros, de ribeira, que usan en exclusiva este material e que conservan as técnicas e as formas herdadas de xeracións de pais e avós que, no mesmo lugar e coas mesmas ferramentas en moitos casos, botaron os mares barcos de todo tamaño e función. Estes  centros fabrís estiveron sempre localizados en lugares próximos as fontes da materia prima, a fondeadoiros con calado que facilita a botadura, e ben comunicados. En moitos casos son auténticas xoias arquitectónicas e etnográficas que se asemellan máis a un museo vivinte que a un obradoiro”. 

A portavoz de Pesca lembra que ningunha sociedade pode permitirse o luxo de prescindir dunha parte importante da súa historia, das súas sinais de identidade e dun patrimonio cultural, laboral e económico como o que encarnan as nosas carpinterías de ribeira. Relata que posiblemente o papel destes centros fabrís non está na construcción de embarcacións destinadas o exercicio profesional da pesca, aínda que sería opinable se a madeira é menos segura que a fibra sintética maioritariamente utilizada na actualidade. 

Soneira subliña que hai un campo feito a medida destes estaleiros tradicionais: a construcción de embarcacións tradicionais destinadas a navegación recreativa e de lecer. “Hoxe hai un amplo sector da sociedade galega que vincula o seu ocio a práctica de actividades náuticas e que dispoñen de embarcacións amarradas os pantaláns dos portos deportivos que proliferan no litoral”. 

Advirte que hai unha dificultade para que estas embarcación abandonen os museos e se pouse sobre as augas tranquilas dos nosos pantaláns contribuíndo a facer deles, tamén, outro tipo de museo moito mais vivo e máis participativo: o seu custe de mantemento. Non é o mesmo manter unha embarcación de madeira que unha de fibra; non custa igual a reparación dunha peza única dunha embarcación única que a mera substitución dun elemento stándard dunha embarcación que se fai nunha planta de montaxe idéntica a outras mil. 

Asegura que a administración pode, e debe, establecer as condicións para animar a que os milleiros de afeccionados a navegación de lecer e a pesca deportiva dende embarcación poidan adquirir estes barcos sen que o seu custe sexa prohibitivo.

Institucional