O PSOE pide á Xunta axilización nos trámites para declarar Ben de Interese Cultural a obra de Castelao

O PSOE pide á Xunta axilización nos trámites para declarar Ben de Interese Cultural a obra de Castelao

08 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Os deputados socialistas José Manuel Lage e Xoaquín Fernández Leiceaga veñen de presentar unha iniciativa parlamentaria para pór en valor a obra do rianxeiro máis universal, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Os socialistas galegos aluden, na súa iniciativa, ao acordo unánime do parlamento de Galicia e agora pídenlle ao excutivo autonómico que explique “que accións ten realizado durante o ano 2010 para dar cumprimento

Lage Tuñas pídelle ao executivo galego “que impulse a protección e difusión da obra de Castelao” dando cumprimento a un acordo parlamentario “que non debe de quedar nun brindis ao sol”. O deputado barbanzano do PSdeG-PSOE lembra que “o Parlamento de Galicia aprobaba no pasado mes de abril do presente ano 2010 un acordo para favorecer a protección e a difusión da obra de Alfonso D. Rodríguez Castelao, como ensaista, político, literato ou debuxante, polo que é preciso coñecer que accións levou adiante a Xunta de Galicia durante este ano 2010”.  

“Castelao é un símbolo colectivo de Galicia, máis alá de posicións ou visións partidarias, que ten sido incorporado á axenda oficial das institucións de autogoberno do noso País con mencións expresas en diversos actos ou acontecementos oficiais, e iso ten que trasladarse ás accións de protección e divulgación da súa obra, para o coñecemento do propio país e para o coñecemento universal”, declarou o socialista. 

Os deputados socialistas asinantes da proposición non de lei explican que a figura deste rianxeiro universal trascendeu máis alá dun plano concreto, manifestándose polifacético, creativo, universal e símbolo dun momento político e social coincidente coa aprobación do Estatuto de Autonomía do ano 1936, que posteriormente contribuirá de maneira decisiva ao recoñecemento de Galicia como Nacionalidade Histórica na Constitución Española de 1978.  

José Manuel Lage fai fincapé no feito de que “a cámara lexislativa acordou por unanimidade instar á Xunta de Galicia a incoar o expediente oportuno para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) o conxunto da obra de Castelao” e explica que “ao mesmo tempo tamén se reclamaba a programación dunha grande exposición, que amose o conxunto de fondos de Castelao, unha vez que o seu legado espallado polo mundo estea debidamente localizado e catalogado”. Toca saber que ten feito o goberno galego sobre este particular, fiscalizar a acción do executivo e descubrir o grao de execución do acordo, expón Lage Tuñas. Engadiu que “o Parlamento é a primeira institución de Galicia e debe ser respectada polo executivo; imos ver que ten feito o goberno galego para dar cumprimento ao acordo unánime do Parlamento”.

Institucional