O pulmón cultural

O pulmón cultural
17 de Outubro, 2019 - 11:07 h. | Publicada por Radio Fene

A activista ambiental sueca Greta Thunberg sorprenderíase do que antes dela se facía polo planeta. So ten que mirar a Maniños (Fene) e pasear polo parque da Sociedade O Pote. Con eles falamos da súa misión cultural. A Sociedade de Maniños denominouse na súa orixe como "Los amigos de los árboles". Dende 1969 chámase O Pote.

Pinceladas históricas

No seu nacemento, O Pote de Maniños denominouse “Sociedad de Amigos de los Arboles de la parroquia de Maniños”. En novembro do 1925 formase a primeira directiva presidida por Andrés Rey Echevarria. Compran os terreos no lugar do Pombal. Como acto fundacional plantaron 70 arbores de distintas especies. A entidade celebrou no ano 1927 a Primeira Festa da Arbore. Eran os ecoloxistas de principios do século XX. Amantes da natureza e defensores do seu respecto, divulgación e celebración. A Romaría do Pote comezou a celebrarse en 1933. O nome de “Amigos de los árboles” non se cambiou polo de O Pote ata 1969 na intención de modernizar a sociedade. Todos estes recordos para entrar na sociedade que hoxe segue detentando un patrimonio que inclúe o local social, o parque das árbores autóctonas; o campo da festa; a pista polideportiva e o campo de futbol. Toda unha zona recreativa que mercaron os emigrantes coa axuda do pobo.

A directiva e o seu cometido

(Na imaxe, de esquerda a dereita, José Angel Bermúdez, Juan José Cabana, María José Alvariño e Javier Rodríguez)

En cada momento velan por el diferentes persoas. A mes de outubro de 2019 a directiva do Pote ou os Amigos das árbores son: Juan José Cabana, Javier Rodríguez Fernández, José Angel Bermúdez (Nocho), María José Alvariño, Fernándo Francés Valiño, Fernándo Brage Otero, Antón Seijo Souto e Aquilino Ribera Campos. Entre os seus cometidos está manter o patrimonio; manter unha oferta de actividades culturais así como unha programación anual de citas coa música, o teatro, as tradicións… Setembro é o mes de preparación no Pote, das actividades que se ofertan aos socios e socias para pasar o inverno ocupados. Este ano, segundo nos informa a directiva da sociedade, a oferta pasa por actividades de carácter deportivo como: pilates, zumba, ioga ou bailes de salón. Guitarra, percusión de man, password/bordado e corte e confección, completan as escolas que se poñen en marcha este mes.

Pasan os meses

Outubro é en Maniños para o teatro de outono. Novembro é o mes do Samaín e o tradicional baile do Farolillo. O Pote é unha das poucas sociedades que mantén esta cita na que as parellas de bailaríns sosteñen na man un farol que debe permanecer aceso o maior tempo posible. A parella que o manteña máis tempo proclámase gañadora e recibe un premio. Este ano celebrarase o sabado 23. E chegamos a decembro, cando O Pote será este ano sede do Certame anual de Panxoliñas do concello de Fene. A data é o sabado 21 de decembro. A Coral polifónica do Pote, a máis antiga do concello, será a anfitriona este ano no Nadal fenés.

En xaneiro celebran asemblea xeral de socios e socias para facer balance, contas e elexir directiva cando toque. Un mes que empeza sempre coa festa dois Reis Magos. Entre febreiro e marzo o Pote celebra o entroido con bailes de disfraces para pequenos e adultos. Abril é na sociedade de Maniños o mes do teatro e maio o da Semana Cultural para celebrar as Letras Galegas. Aí bota o Pote todolos esforzos que culminan co baile da Flor (primavera e natureza de novo presentes).

Xuño é o mes do San Xoan e San Pedro, que no Pote festexan coas respectivas sardiñadas nas noites de víspera, asadas na primeira e cocidas na segunda. Xullo é en Maniños o mes máis mariñeiro. O Pote faise eco do tradicional traballo desta parroquia centrado no mar e por iso, coincidindo coa festa do Carme, ofrece unha degustación de ameixas da ría no campo da festa. Agosto ven marcado en Maniños polo patrón, o Divino Salvador, pero o último domingo cobra todo o protagonismo a sociedade o Pote ao organizar a súa romaría do Pote. As merendas, o pregón, os xogos populares, a música popular e a verbena culminan unha celebración que naceu no ano 1933 como unha romaría pagá que continúa celebrándose aínda hoxe despois de ser unha das máis populosas da zona e de Galicia.

Grazas á directiva do Pote pola amabilidade e atención prestada.

Sociedade

Publica o teu comentario agora